O FMI prevé que a recesión española se prolongue até 2013

Rajoy, con Sáenz de Santamaría no Consello en que se aprobaron os recortes © Goberno de España

O FMI volve traer pésimas noticias para España. O Fondo Monetario Internacional vén de publicar a revisión das súas previsións sobre as principais economías mundiais e nas súas conclusións empeora as expectativas do Estado e xa advirte que a recesión alongarase ao ano 2013, ademais de asegurar que  non logrará cumprir cos obxectivos de déficit, aínda que o informe non ten en conta os recortes anunciados a pasada semana, que asume que empeorarán aínda máis a situación.

As previsións non teñen en conta os últimos recortes, que o FMI cre que empeorarán aínda máis a situación económica

O organismo que dirixe Christine Lagarde determina que este ano o déficit situarase no 7% do PIB, mentres que o novo obxectivo de Bruxelas establecía o 6,3%. Do mesmo xeito, cre que en 2013 tampouco se chegarán a cumprir os obxectivos, xa que o déficit rozará o 6% (5,9), moi afastado do 4,5% que se fixou como propósito. O FMI non inclúe no documento os brutais recortes anunciados a semana pasada, pero asume xa que empeorarán as súas previsións para España.

Para o FMI, o paquete de medidas presentado a pasada semana, e que prevé un axuste duns 65.000 millóns, "farase sentir en 2013", polo que o seu impacto podería provocar unha redución da actividade económica máis aló aínda do previsto polo Fondo nesta última actualización do seu informe. De feito, Thomas Helbling, director da área de investigación do organismo, precisou en rolda de prensa que "as estimacións preliminares apuntan a que ese axuste adicional reducirá en certo modo o crecemento".

O organismo prevé unha caída da economía do 1,5% este ano e do 0,6% en 2013, fronte a previsión de mínimo crecemento o vindeiro ano

Así, segundo o FMI, a economía española caerá un 1,5% este mesmo ano e un 0,6% en 2013, o que mellora un chisco a previsión feita hai tres meses para este exercicio, pero empeora en sete décimas as previsións para o ano que vén, xa que o anterior informe falaba dun pequeño crecemento do 0,1%. A publicación é tan demoledora que advirte para España a peor recesión de todos os países analizados, superando tamén a Italia, que é outro dos estados que sae peor parado.

En global,  o FMI ve paralizada a lixeira recuperación mundial dos tres últimos meses e agoira un maior debilitamento nos vindeiros. Ademais, e en canto ás proxeccións para a economía mundial, o organismo empeora as previsións de 2012 e 2013, malia manter un crecemento de preto do 4% (3,6% e 3,9% respectivamente).

Sobre a Eurozona, o FMI agarda unha caída do PIB do 0,3% neste ano e do 0,7% en 2013, o que empeora os resultados anteriores. Por países, Alemaña medrará un 1% e un 1,4% respectivamente; Francia, un 0,3% e un 0,8%; mentres que Italia caerá un 1,9% este exercicio e un 0,3% no seguinte.

Rajoy, con Sáenz de Santamaría no Consello en que se aprobaron os recortes © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.