O fracaso da macroplanta de Pescanova en Mira, ou como picou a 'burbulla' acuícola

Unha factoría de peixes planos de Pescanova © Pescanova

O anuncio de que Pescanova busca desfacerse da macroplanta acuícola de Mira, en Portugal, despois de catro anos de perdas, e dun investimento total de máis de 300 millóns de euros, devólvenos a uns anos atrás, cando o goberno de PSdeG e BNG paralizou o proxecto de construción dunha macroplanta semellante, de 357 mil metros cadrados, no Cabo Touriñán, nun espazo protexido da Rede Natura. Aquela decisión converteuse nun dos grandes cabalos de batalla da oposición do PP ao goberno bipartito e tamén centrou  intensas campañas de certos medios de comunicación, comenzando por La Voz de Galicia.

Despois de tres anos de ameazas, en 2009 Pescanova inaugurou a planta de Mira, grazas a unha gran subvención recibida do Goberno portugués (43 millóns de euros) e aos créditos concedidos por varios bancos lusos (Caixa Geral de Depósitos, Banco de Espírito Santo, Millennium BCP e o Banco Portugués de Investimento), que lle achegaron á multinacional galega ao redor de 335 millóns de euros, unha parte importante da enorme débeda que agora ten que enfrontar a empresa. A planta de peixes planos prometía producir 12 mil toneladas anuais de rodaballo. Ademais, segundo destacaba La Voz de Galicia o día da súa inauguración, "o milagre" de Pescanova "varreu dun golpe o paro na zona con máis de 800 empregos directos e indirectos" e situaba Portugal "coma o líder mundial en produción de rodaballo".

Ao final, nunca se chegaron a producir 12 mil toneladas, pois os datos máis optimistas falan de entre tres mil e catro mil. E tampouco se creou a cantidade de postos de traballo dos que se falaba

Ao final, nunca se chegaron a producir 12 mil toneladas, pois os datos máis optimistas falan de entre tres mil e catro mil. E tampouco se creou esa cantidade de postos de traballo dos que falaba o xornal e, de feito, a propia La Voz de Galicia destaca na súa edición deste xoves que as dificultades polas que atravesa a planta "provocou a suspensión temporal de contrato de traballo a 84 dos 174 empregados que ten a planta".

 

De Touriñán a Mira a través dunha campaña mediática

O Partido Popular axitou a pantasma da deslocalización e do desemprego, sobre todo en comarcas coma a Costa da Morte e prometía que, se gañaba as eleccións de 2009, Pescanova tería a súa planta

Este é o triste final da historia da planta de Mira, e tamén do proxecto de Touriñán, hoxe totalmente esquecido polos seus promotores. Nunha das súas últimas decisións, o goberno de Manuel Fraga aprobou un plano acuícola á medida de Pescanova e que, ademais, permitía a insatalación de plantas en zonas protexidas. O bipartito limitou en parte os seus efectos e paralizou algúns proxectos, comezando por Touriñán. 

Nese momento o Partido Popular axitou a pantasma da deslocalización e do desemprego, sobre todo en comarcas coma a Costa da Morte e prometía que, se gañaba as eleccións de 2009, Pescanova tería a súa planta. El Correo Gallego dedicáballe un editorial ao "Veto caprichoso á planta de Touriñán", no que lle pedía á Xunta que explicase "por que en Mira está funcionando unha planta que podería estar agora creando riqueza na Costa da Morte". De igual xeito, medios como La Voz de Galicia denunciaron que Pescanova "decidiu levar o seu plano estrela a Portugal", onde "foi acollido cos brazos abertos e apoiado con subvencións de atéo 50%". Neste xornal, César Casal destacaba que "mentres un Goberno, o de Touriño, pasaba á historia por dicir que non ao proxecto de reforzar o liderado mundial de Galicia no cultivo acuícola de rodaballo, outro, o Executivo portugués, quedaba raudoc o proxecto da firma nas súas costas, á nosa costa". E Ramón Pernas laiábase de que "deixamos marchar cento corenta millóns de euros sen atopar unha razón definitiva que xustifique de maneira rotunda esta decisión".

Na inauguración da planta de Mira, hai catro anos, o agora caído en desgraza Fernández de Sousa, deixaba a porta aberta a retomar o proxecto de Touriñán, toda vez que o PP viña de recuperar o poder na Xunta

No seu regreso ao poder, Núñez Feijoo sinalou en varias ocasión que a instalación dunha macroplanta en Touriñán tiña "todo o seu apoio", e que esta planta "xa debía estar funcionando". De feito, na inauguración da planta de Mira, hai catro anos, o agora caído en desgraza Fernández de Sousa, deixaba a porta aberta a retomar o proxecto de Touriñán, toda vez que o PP viña de recuperar o poder na Xunta. O daquela presidente de Pescanova afirmaba que "será o mercado o que decida cando se construirán novas plantas de rodaballo" e engadía que nese momento a produción non era "capaz de responder á demanda". "Abrir en Touriñán aínda é posible", dicía Fernández de Sousa, "hoxe o plan sectorial de acuicultura non o permite, pero se en tres ou catro anos cambia este escenario tomaremos unha decisión".

 

A burbulla da acuicultura

O Plan Director de Acuicultura Litoral de 2012 eliminaba posibles impedimentos para a instalación de granxas de peixes planos e facía que toda a costa sexa susceptible de acoller unha destas plantas, incluso aquelas zonas amparadas baixo a figura da Rede Natura

O escenario cambiou en 2012. A Xunta presentou o Plan Director de Acuicultura Litoral, que eliminaba posibles impedimentos para a instalación de granxas de peixes planos e facía que toda a costa sexa susceptible de acoller unha destas plantas, incluso aquelas zonas amparadas baixo a figura da Rede Natura. Algo que quedou claro coa aprobación do plan director da Rede Natura, que segundo destacou Agustín Hernández permitía a instalación de plantas acuícolas "mesmo afectando aos valores ambientais". A conselleira Rosa Quintana lembrou que Pescanova "ten terreos adquiridos" en Touriñán e "segue cumprindo cos requisitos" aínda que Touriñán sexa unha zona considerada "de nivel 4" ou, o que é o mesmo, a de maior protección dentro do plan director de acuicultura litoral. 

O documento definitivo do Plano Director de Acuicultura foi aprobado en abril deste ano. Segundo ADEGA, o documento "persiste en apoiar o sistema Pescanova, un modelo fracasado baseado na especulación, o produtivismo e a desregulación ambiental, cunha ínfima creación de postos de traballo" e engadía que "semella que nin Feijóo nin Fernández de Sousa aprenderon nada da nefasta experiencia de Pescanova en Mira".

Por que non se recuperou o proxecto de Touriñán? Eliminados os obstáculos legais e políticos, as razóns foron puramente económicas

Por que non se recuperou o proxecto de Touriñán? Eliminados os obstáculos legais e políticos, as razóns foron puramente económicas. En primeiro lugar, a situación económica de Pescanova, como se comprobou máis adiante, non era a óptima. En segundo lugar, a crise económica freou este e outros macroproxectos que atentaban contra a costa galega. E terceiro, e importante, a retirada das axudas que a UE destinaba a través dos fondos de Pesca á acuicultura industrial e que pasou a limitar á tradicional, unhas axudas coas que a multinacional acuícola pretendía financiar ata o 50% do proxecto, tal e como fixo en Mira. A conselleira Rosa Quintana mesmo viaxou a Bruxelas para reunirse coa comisaria Maria Damanaki para tentar reorientar parte destes fondos á acuicultura como sector estratéxico, pero non tivo éxito.

Manoel Santos: "teiman en engordar á mantenta a futura importancia da industria acuícola mentres agachan que os prezos dos peixes de plástico non fan máis que baixar"

Poderíamos engadir un cuarto motivo, que englobaría os outros: o estoupido da burbulla da acuicultura, da que xa falaba Manoel Santos nun artigo en Praza en febreiro de 2012. "Digo burbulla porque, ao cabo, a piscicultura en terra é iso, pois dá un valor excesivo de mercado, e xa que logo falso e susceptíbel de estoupar, a un modelo de produción de alimentos irresponsábel, baseado na usurpación e destrución irreversíbel do patrimonio natural común, na contaminación dos ecosistemas, na escravitude laboral e na pesca extractiva salvaxe, que fomenta os descartes para saciar a voracidade dunhas poucas especies carnívoras, amoreadas e dopadas con antibióticos, antisépticos e non poucos compostos hormonados". E concluía que "teiman en engordar á mantenta a “futura” importancia da industria acuícola mentres agachan que os prezos dos peixes de plástico –e as insolentes subvencións destes macroproxectos– non fan máis que baixar".

Unha factoría de peixes planos de Pescanova © Pescanova
Imaxe do Cabo Touriñán CC-BY-SA Adrián Estévez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.