O gasto dos fogares no ensino creceu un 58% en Galicia na última década

Evolución do gasto anual por persoa en sanidade e educación en Galicia Dominio Público Praza Pública

As familias galegas gastaron o pasado ano en Educación unha media de 123 euros por persoa, unha cifra que aínda está por debaixo da media española (166 euros) e moi lonxe dos datos de Madrid (265), Euskadi (227) e Cataluña (223), pero que supón un incremento de máis do 58% na última década. En 2007 o gasto medio por persoa era de 78 euros. O gasto dos fogares no ensino incrementouse especialmente en Secundaria (+178%), Primaria (+134%) e Infantil (+79%), aínda que o Ensino Superior -cuxo gasto creceu un 28%- seguen a representar case un 40% dos desembolsos totais.

Tamén se incrementou notablemente o gasto que os galegos e galegas se viron obrigadas a facer en atención sanitaria, pasando de 314 euros por persoa e ano a 413 euros, un aumento do 32% nunha década. Neste caso, o desembolso económico dos fogares galegos en Sanidade si supera a media española (394 euros) que, ademais, apenas creceu un 13%. O gasto dos galegos e galegas en Sanidade só é superado polo que se realiza en País Vasco, Navarra, Madrid, Cataluña e Aragón. En Galicia creceu sobre todo o pagamento de produtos farmacéuticos (+92%) e servizos dentais (+41%).

O incremento do gasto dos galegos e galegas en sanidade e educación é especialmente salientable se temos en conta que entre o ano 2007 e o 2017 o gasto total dos fogares apenas se incrementou nun 4%, segundo recolle a Enquisa de orzamentos familiares feita pública este mércores polo INE. O gasto por persoa pasou dos 10.475 euros aos 10.938, acadando un máximo en 2008 (11.054) que se viu moi reducido durante a crise económica (cun mínimo en 2013) e que aínda non foi recuperado.

Aínda que o gasto total mantense nun nivel semellante ao que existía antes da crise, a distribución interna da maior parte das súas partidas variou notablemente. Así, aumentou notablemente o desembolso en servizos básicos, dende os xa comentados Educación e Sanidade, ata os gastos asociados á vivenda, dende o alugueiro (+68%), o recibo da electricidade (+79%), ata o recibo da auga, da recollida do lixo e do saneamento, que se elevou nun 82%. Así, a media de gasto por persoa nestes tres conceptos pasou de 511 euros en 2007 a 858 euros en 2017.

Pola contra, hai outras partidas nas que os galegos e galegas gastan menos que hai unha década, por exemplo en alimentación (un 7%), destacando os decensos en carne (-17%) e peixe (-23%), mentres que se eleva o gasto en froitas (+14%), confitería (+14%) e outros produtos, incluídos os precociñados (+119%). Aumenta tamén o gasto en bebidas alcohólicas (+15%), especialmente en cervexa (+61%).

Descende o gasto en vestido e calzado (-18%) e tamén en mobles (-39%), pode que pola popularización de liñas de baixos custos de produción, os efectos Inditex e Ikea.  Redúcese tamén o gasto en transporte, sobre todo motivado polo menor investimento en coches (-19%) e nos servizos de transporte por estrada (-45%); con todo, elévase o gasto en billetes de tren (+31%) e de avión (+8%).

Aumenta, finalmente, o investimento en comunicacións (+9%), sobre todo en dispositivos de telefonía (+290%). E, pola contra, redúcese moito o gasto en libros (-33%) e prensa impresa (-63%).

 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.