O gasto en pensións sobe un 4,4% mentres as de Galicia seguen sendo as máis baixas

Imaxe dun centro de maiores na Coruña © Xunta

O gasto en pensións contributivas sobe no Estado un 4,4% en outubro con respecto ao mesmo mes de 2011, segundo os datos feitos públicos este martes polo Ministerio de Emprego. En total, case 7.467 millóns de euros, dos que 5.100 se corresponden co pago da nómina mensual das pensións de xubilación, cuxa cantidade destinada elévase un 5,1% nun ano.

Este novo aumento no gasto dificulta aínda máis a prometida actualización das pensións segundo o IPC

Este novo aumento no gasto dificulta aínda máis a prometida actualización das pensións segundo o IPC, xa que suporía un sobrecusto duns 5.000 millóns de euros para o Estado.

Mentres, as pensións galegas continúan sendo as máis baixas do Estado, cunha contía media de 699,76 euros ao mes fronte aos 833,63 euros da pensión media estatal, que superan con bastante sete comunidades autónomas máis Ceuta. Así, País Vasco, Asturias e Madrid rexistraron as pensións medias máis elevadas, con 1.029,89 euros, 988,77 euros e 986,69 mensuais, respectivamente. Tan só Murcia e Estremadura se achegan á media galega polo baixo.

Por outra banda, a pensión media de xubilación no Estado acadou a principios deste mes os 951,83 euros mensuais, o que supón un 3,4% máis respecto do mesmo período de hai un ano. A pensión media do sistema, que inclúe as distintas clases de pensión (xubilación, incapacidade, viudedade ou orfandade) situouse neses 833,63 euros ao mes. 

Dous anciáns agárranse da man CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.