O gasto militar con Rajoy foi superior en 4.500 millóns ao recoñecido nos PGE

Cada español paga 353 euros anuais para sufragar o Ministerio de Defensa © Centro Delàs

O Centre d'Estudis per la Pau J.M. Delàs, de Justícia i Pau, vén de publicar o estudo que todos os anos realiza sobre o orzamento do Ministerio de Defensa e o gasto militar español. A pesar de que as cifras oficiais dos Presupostos Xerais do Estado (PGE) amosan un descenso nos orzamentos de Defensa, este informe destaca a existencia, ano tras ano, de partidas extraordinarias e e créditos superiores aos mil millóns de euros e que nos dous últimos anos, nos gobernos de Mariano Rajoy, ascenderon a 2.763 millóns de euros (2012) e 1.838 millóns de euros (até setembro de 2013), un trinta por cento por riba do inicialmente orzamentado.

O informe destaca a existencia de partidas extraordinarias e e créditos superiores aos mil millóns de euros e que nos dous últimos anos, nos gobernos de Rajoy, ascenderon a 2.763 millóns (2012) e 1.838 millóns (até setembro de 2013)

O estudo denuncia que os orzamentos para 2014 seguen a mesma estratexia, de limirtar algunhas partidas para presentar unha certa redución do gasto militar, para despois recorrer a distintos mecanismos para que estes gastos, a pesar da crise e as políticas de austeridade e redución do deficit, non só non se recortes, senón que aumenten. De feito, destácase que Pedro Argüelles, Secretario de Defensa xa asegurou que recorrerá de novo a créditos extraordinarios para hacer fronte ao pagamento dos PEA (Programas Espaciais de Armamentos). Son precisamente estes PEA, xunto coas chamadas misións no exterior, as partidas que recorren con máis frecuencia a estes mecanismos extraordinarios, que con toda probabilidade se situarán por riba dos dous mil millóns de euros, como estes dous últimos exercicios.

Pedro Argüelles, Secretario de Defensa xa asegurou que recorrerá de novo a créditos extraordinarios para hacer fronte ao pagamento dos PEA (Programas Espaciais de Armamentos)

Dentro das partidas que si están recollidas nos PGE, destacan dous apartados, tanto pola súa importancia cuantitativa como porque neles o incremento do gasto é notable, e máis nun escenario de recortes nas áreas civís dos orzamentos. A partida dedicada á investigación militar para o exercicio 2014, segundo este informe, é de 506,84 millóns de euros, fronte aos 363,38 millóns do pasado ano, o que representa un aumento do 39,5%. O investimento en investigación militar será en 2014 o 8,26% do total da I+D española, mentres en 2013 representaba só o 6,13%. Tamén crecen os investimentos militares, que superan os 900 millóns de euros (769 millóns en 2013), fronte a un descenso de mil millóns de euros no total dos investimentos públicos. En total, o gasto militar previsto para 2014 equivale a uns 45,27 millóns de euros diarios, un 1,58 do PIB, o que significa que cada español pagará 353 euros no conxunto do ano para financiar os gastos militares.

O informe realiza unha serie de recomendacións, para que a crise e os recortes se noten menos noutras áreas máis directamente ligadas ao benestar ou aos sectores produtivos. Por exemplo, propón dedicar a partida destinada a I+D militar a I+D civil, ou anular as operacións militares no exterior, o que traería consigo un aforro de centos de millóns de euros. Tamén aposta por "reducir progresivamente os efectivos militares dun exército sobredimensionado, non para engrosar a lista de paro, senón para realizar outras funcións de servizos públicos que tivesen un maior impacto no benestar da poboación".

O informe conclúe que os orzamentos de Defensa para 2014 son "un engano á opinión pública realizado con premeditación manifiesta"

Finalmente, pide reducir e anular investimentos en armamentos, especialmente as relacionadas cos PEA, e destinar eses recursos ao desenvolvemento de bens civís, o que suporía evitar o crédito extraordinario de aproximadamente 1.000 millóns de euros, non incluído nos PGE, xa anunciado polo Ministerio de Defensa. A este respecto, lembra que dende 1996 os programas de adquisición de armamento consumiron 16.120 millóns de euros en créditos concedidos ás empresas dende o Ministerio de Industria en concepto de I+D.

O informe conclúe que os orzamentos de Defensa para 2014 son "un engano á opinión pública realizado con premeditación manifiesta".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.