O Goberno central ultima o decreto co que busca evitar demandas masivas polas cláusulas solo

Manifestación contra as cláusulas solo CC-BY Adicae

O Goberno central prepara un decreto-lei para que cliente e banco negocien a devolución do cobrado indebidamente polas cláusulas solo. Nun intento por evitar unha vaga masiva de demandas, o Executivo prevía inicialmente aprobar este venres no Consello de Ministros o mecanismo extraxudicial co que pretenden evitar un colapso xudicial e para o que busca o apoio de Ciudadanos e PSOE. No entanto, durante a tarde do xoves abriu a porta a un adiamento para, precisamente, prolongar esa negociación.

O que se sabe do documento é que prevé "un procedemento de reclamación extraxudicial previa que é voluntaria para o consumidor e obrigatoria para a entidade de crédito". Xa que logo, a entidade está obrigada a contestar á reclamación. Ademais, prevé tres meses para a tramitación do procedemento, unha rapidez no proceso que semella beneficioso para as persoas afectadas. De haber acordo entre as partes, o banco non deberá facer fronte a ningún tipo de custos legais adicionais. 

O decreto-lei prevé un mecanismo extraxudicial no que o banco está obrigado a contestar á reclamación do afectado e arranxalo en tres meses

De non haber acordo e o cliente acode á vía xudicial, o xuíz decidirá se a claúsula e nula ou non e cal é a cantidade que o banco ten que abonar ao cliente, ademais dos intereses devengados. O caso é que xa agora os maxistrados, seguindo a liña marcada polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), están ditaminando a favor dos afectados que demandaran anteriormente. 

As audiencias provinciais de Lugo e Pontevedra veñen de ditar as primeiras sentenzas favorables aos afectados polas cláusulas solo

De feito, as audiencias provinciais de Lugo e Pontevedra veñen de ditar as primeiras sentenzas nas que se aplica o ditame do TXUE sobre a retroactividade das cláusulas solo. No caso da sentenza na primeira das audiencias, dá a razón aos clientes ao entender que “a extensión dos efectos da nulidade da cláusula comporta a devolución íntegra do indebidamente percibido”. Na outra, os maxistrados sosteñen que non cabe limitar no tempo os efectos da declaración de nulidade sen contravir o Dereito comunitario, polo que condenan a entidade a abonar aos demandantes as cantidades indebidamente satisfeitas desde a data de celebración do contrato de préstamo con garantía hipotecaria.

Pero, que ocorre con aqueles que estean dispostos a acudir agora á vía xudicial ? Que ocorriría se, por exemplo en Galicia, as 150.000 persoas que se calculan que teñen asinadas cláusulas solo acudisen á batalla nos tribunais? Iso intenta evitar o Executivo central.

O avogado e secretario xeral de Acouga (Asociación de Consumidores e Usuarios de Galicia) -que ten admitida a trámite unha demanda colectiva da contra as cláusulas solo de Novacaixagalicia-, Xoán Antón Pérez-Lema, considera que a intención do Goberno con este decreto é "facer ver que fai e que é moi dilixente" pero tamén "facerlle a factura máis beneficiosa" ás entidades financeiras. Na súa opinión, o Executivo non ten en conta algo: "Hai bancos que prefiren ir pola vía xudicial aínda perdendo preitos porque saben que hai xente que acaba por non demandar e que ao diluír no tempo o proceso tamén atrasan as consecuencias en varios exercicios e así non teñen que aprovisionar todo o importe para este ano".  

Se a cifra final decretada polo xuíz é inferior á que o banco xa ofrecera, a entidade non terá que pagar as custas xudiciais do cliente

O decreto que presentará o Goberno, no caso da vía xudicial, prevé que se a cifra final é inferior á que o banco xa ofrecera nas negociacións previas, a entidade non terá que pagar as custas xudiciais do cliente. De ser superior á ofrecida, daquela si podería ser condenado a abonalas. No caso de que se prsentase unha demanda reclamando unha cantidade determinada e o banco a achantase, tampouco tería que pagar as custas, algo que, como lembra Pérez Lema, xa está recollido na lei de enxuizamento civil. "Non achega nada distinto ao que xa se di na lei; ir alén diso podería ser anticonstitucional", advirte. 

"Queren evitar milleiros de demandas como no caso das preferentes", di Pérez-Lema, que propón xulgados de reforzo como daquela

Para o secretario xeral de Acouga, o Executivo pretende "evitar que haxa milleiros de demandas como pasou no caso das preferentes". No entanto, cre que a resposta ao que ocorreu daquela en Galicia é o exemplo a seguir: xulgados de reforzo instalados en Vigo e A Coruña para abodar as denuncias sobre aquela estafa. "Con cincuenta xulgados no Estado abondaría", explica quen cre que os afectados "saben que están ben defendidos a través das demandas colectivas e das asociacións de usuarios".  

En canto ao tema fiscal, a cantidad devolta polo banco non implica incremento de renda ningún agás no que se refire aos intereses xerados, unha cantidade que non se prevé elevada. Si pode ocorrer que a parte que o afectado pagou á entidade financeira fora empregada como parte da deducción por adquisición de vivenda, polo que o titular do crédito deberá facer declaracións complementarias de cada ano nos que se desgravaron fiscalmente eses intereses pagados de máis. 

Por outra banda, o decreto tamén prevé que a devolución dos cartos -por acordo entre as partes ou pola decisión xudicial- poderá satisfacerse en metálico ou reducindo as futuras cotas do crédito hipotecario que queden por vencer, unha alternativa esta que precisa do pacto entre ambas partes. 

Luis de Guindos, nunha intervención no Congreso © Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.