O Goberno conxelará o soldo dos funcionarios un ano máis

Mobilización dos empregados públicos © CIG

O Goberno dá un novo golpe aos empregados públicos. O Executivo vén de decidir conxelar o salario dos funcionarios en 2013, e por terceiro ano consecutivo, aínda que ten pensado manter a paga extra, segundo adiantou o diario Expansión. Ademais, conxela tamén a oferta pública de emprego.

O Executivo conxela o soldo dos empregados públicos pero non suprimirá as pagas extras

Segundo a información, o Goberno anuncioulles a medida aos sindicatos, aos que aclarou tamén que non suprimirá paga extra ningunha o vindeiro ano, logo de terlles suprimido a do presente exercicio, tal e como aclararían fontes de CSI-CSIF que acudiron a unha reunión con representantes do Executivo.

Non haberá novas contratacións no sector público, agás unha taxa de reposición do 10% nalgúns sectores como Sanidade

Ademais, o Estado manterá unha taxa de reposición do 10% na inspección de Facenda e de Traballo e algúns servizos como os de Sanidade ou os dos corpos de seguridade. No resto do emprego público, non haberá novas contratacións nos vindeiros 15 meses. As medidas teñen previsto anunciarse este xoves na presentación dos Orzamentos Xerais do Estado de 2013.

Así, non haberá contratación de novos empregados, nin por contrato temporal nin interinos nas administracións. Ao mesmo tempo, anunciarase este xoves a supresión de prestacións sociais para os mutualistas do Muface. Segundo os cálculos dos sindicatos, estes novos recortes, sumados á porta que abre a reforma laboral para os despidos nas administracións, poderían derivar na perda de até medio millón de empregos no sector público, que se sumarían aos 200.000 perdidos neste ano. Todo, sen contar as non contratacións.

Os sindicatos calculan que se poderían perder 500.000 empregos no sector público

Aínda así, as centrais non se fían e esperan xa que a presentación dos Orzamentos traia máis sorpresas negativas. Ademais, denuncian que na xuntanza que mantiveron co Goberno, este non plantexou debate ningún, máis aló de poñer sobre a mesa os recortes.

O presidente do CSIF, Miguel Borra, advirte que o "Executivo limitouse a comunicar o que vai pasar cos empregados públicos nos Orzamentos". "Volvemos perder poder adquisitivos e volvemos ser paganos da crise", engadiu, tras lembrar que a conxelación da taxa de reposición empeorará a calidade dos servizos públicos.

Os sindicatos xa advirten de mobilizacións, a primeira para este próximo venres

A secretaria de Acción Sindical de UGT, Mari Carme Barrera, denunciou que o Goberno non convocou as centrais "para negociar, senón para comunicar". "Non conseguimos abrir un proceso de negociación colectiva", destaca. Enrique Fossoul, responsable da federación de Función Pública de CCOO, criticou a "desprofesionalización" e a "incertidume" que provocan estes axustes.

Ante todo isto, os sindicatos xa anuncian mobilizacións, entre as que se inclúe unha para o vindeiro 28 de setembro ante o Ministerio de Economía.

Cartel das protestas do persoal en San Caetano CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.