O Goberno portugués afoga aínda máis a cidadanía

Manifestación contra os plans de austeridade en Lisboa © CGTP

Máis axustes e máis sufrimento en Portugal. O primeiro ministro luso Pedro Passos Coelho anunciou un novo paquete de recortes cos que pretende aforrar 4.800 millóns de euros de gasto público nos dous vindeiros anos. E outra vez, os colectivos máis afectados por esta nova rolda de axustes son os xubilados e os funcionarios públicos.

O goberno luso prescindirá de 30.000 funcionarios e aumentará en cinco horas semanais a xornada dos que manteñan o emprego

De aquí ao ano 2015, o goberno portugués pretende acabar con 30.000 funcionarios mediante un programa de baixas incentivadas do que non ofreceu moitos detalles. Os traballadores públicos que manteñan o seu emprego enfrontaranse ademais a un incremento da súa xornada laboral que pasará das 35 ás 40 horas semanais e que se aplicará desde este mesmo ano. Estes novos axustes afectarán tamén os xa diminuídos salarios dos empregados públicos que verán reducidas algunhas bonificacións como as de mobilidade e sufrirán un incremento da súa achega aos denominados "subsistemas de saúde".

No capítulo de pensións, os plans do Goberno luso pasan por un aumento da idade de xubilación até os 66 anos. Aínda que a idade legal seguirá sendo os actuais 65, serán necesarios 12 meses de traballo máis para poder acceder á pensión completa. Como no noso país, Passos Coelho pretende tamén cambiar o sistema de cálculo das xubilacións e anunciou que se eliminarán algunhas bonificacións. O primeiro ministro portugués anunciou ademais que estuda novos impostos para gravar as pensións máis elevadas.

Auméntase a idade de xubilación até os 66 anos e preténdese cambiar o sistema de cálculo das xubilacións

O primeiro ministro luso, que confía en aforrar outros 4.800 millóns até 2015, apelou ao diálogo co resto de forzas políticas para "perfeccionar" as medidas e "minimizar o seu impacto", así como para que sexan adecuadas á "xurisprudencia constitucional" tras o pau recibido o mes pasado. Nese sentido, Passos Coelho mostrouse aberto a propostas "alternativas" e "cribles" que substitúan ás medidas presentadas este venres.

En calquera caso, e nun aparente intento por tranquilizar a oposición política e a cidadanía, cada vez máis críticas cos recortes, subliñou que os sacrificios "pagan a pena". "Fallar agora sería estragar eses sacrificios e é algo que non nos podemos permitir", explicou a modo de xustificación. A oposición xa chama a "derrubar o goberno" ante estas novas medidas.

Manifestación contra os plans de austeridade en Lisboa © CGTP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.