"O informe de Competencia só intenta tapar a impotencia política de Feijóo ante Madrid"

Manifestación de gandeiros en Santa Comba © SLG

"O informe da Comisión Nacional da Competencia (CNC) busca unicamente tapar a impotencia política do presidente da Xunta, que non foi capaz de defender diante do Goberno de Rajoy o que pactou o 7 de decembro de 2012 coas organizacions agrarias e a Fenil". Así de claro o ten Unións Agrarias (UUAA), que responde deste xeito ao duro ditame no que este organismo rexeitaba con rotundidade fixar un prezo mínimo para o leite na futura Lei de Cadea Alimentaria e evitar así o abuso da industria e a distribución, tal e como se comprometera Feijóo o pasado mes de decembro cos gandeiros.

UUAA pide a Feijóo que "sexa consecuente" co pactado en Galicia e o SLG reclama ao Ministerio de Agriucultura que "tome partido polos labregos"

O sindicato gandeiro di "agardar" agarda unha "toma de decisión clara de Nuñez Feijoo en defensa do sector lácteo galego" e pídelle que "sexa consecuente co relato que lle vén trasladando as organizacions agrarias aquí en Galicia". "Que non se agoche tras un ditame da CNC que parece feito como un traxe de sastre para poder esquivar os seus compromisos coa viabilidade das 11.000 explotacións que subsisten en Galicia", asegura nun comunicado. Pola súa banda, o Sindicato Labrego Galego (SLG) pide ao Ministerio de Agricultura que "tome partido polas explotacións e polos labregos" e inclúa no articulado da Lei da Cadea Alimentaria "a prohibición de que se impoñan prezos por baixo dos custos de produción", por ser "unha práctica a todas luces abusiva que arruinou e segue a arruinar a miles de explotacións e que atenta contra os principios máis básicos das relacións comerciais".

Roberto García, secretario xeral de UUAA, insiste a Praza en cualificar o ditame de "informe político dun órgano político" co único obxectivo de "ocultar o desplante que lle fixeron a Feijóo en Madrid". "É un intento de tapar as vergonzas; o Ministerio de Economía bota atrás unha decisión tomada polo Ministerio de Agricultura e tamén por Galicia, a través dun acordo entre sindicatos e Xunta e logo de que fose consultado o Consello Galego de Competencia e os órganos xurisdicionais correspondentes que nos aseguraron que a proposta era correcta", lembra, tras anunciar que "haberá contestación" por parte das organizacións gandeiras para "responder" a este novo pau contra o sector a través dunha postura común pública.

Isabel García cre que co informe se intenta "xustificar a imposición de prezos por baixo dos custos de produción" agochándoo nunha "defensa da competencia". "Ponse de lado de quen perpetúa o dominio; non sei que lexitimidade pode ter este organismo cando xa non é a primeira vez que dá para adiante aos abusos da industria e da distribución", asegura, tras denunciar a "ambigüidade" do PP ante a Lei da Cadea Alimentaria. "Mentres Feijóo defende aquí o seu compromiso, o seu partido bótao para atrás cada vez que se manifesta", di, antes de advertir das posibles "medidas legais" que o seu sindicato podería tomar contra o CNC que, lembra, "aínda que defina como un organismo público independente do Goberno, ten os seus membros son nomeados polo Consello de Ministros, que tamén ten poder para destituilos se non cumpren coa función que lles foi encomendada".

Roberto García lembra que o Consello Galego da Competencia deu o seu visto e prace á proposta

 

"Que desautoricen o informe"

"O Goberno central ten que desautorizar o informe que vén de publicar a CNC no que arremete, precisamente, contra esta prohibición por entender que “supón incluír no proxecto un mecanismo de fixación de prezos mínimos”, advirte o SLG. Para UUAA, o informe da CNC é "un exercicio de cinismo insultante" por supor "a constatación da total da súa submisión ao ditado politico e partidista do Ministerio de Economia e do PP", unhas conclusións que tamén tira o SLG, que acusa o organismo de "manter sempre un silencio cómplice diante de prácticas mafiosas e de distorsión en sectores coma o lácteo". "É aí onde as industrias se reparten as súas zonas de dominio como se fosen feudos intocables, onde se pactan descaradamente prezos por baixo dos custos de produción, onde as explotacións non teñen liberdade para cambiar de comprador cando lles praza ou onde se redactan contratos con condicións leoninas para os produtores", insiste.

Os sindicatos lácteos denuncian a "parcialidade" da CNC e piden que se "investiguen as conexións entre os seus membros e as industrias"

O SLG vai máis aló e pide ao Ministerio de Agricultura que "poña en coñecemento das autoridades competentes a parcialidade da CNC" e que "investigue e dilucide se existen conexións entre os seus membros e as industrias e empresas de distribución". "De ser así, que se emprendan as accións legais pertinentes para que este organismo público garanta realmente os dereitos de todos os axentes que operan nos diversos sectores agrogandeiros", reivindica.

Ademais, para UUAA, a "proba" de que o interese do organismo "reside en beneficiar as grandes cadeas de distribución contra dos productores e consumidores" está en que as recomendacións feitas pola Comisión Europea "van xustamente na dirección contraria" ás que marca a CNC. "Aí si que se recoñece que o sector precisa mecanismos de reequilibrio que impida que as multinacionais da distribución destrúan a cadea de valor de productos como o leite, impoñendo o monopolio dos seus prezos", destacan.

O Sindicato Labrego e UUAA tamén lembran que a CNC mesmo "ignora unha e outra vez" distintos informes doutros organismos que "coinciden en denunciar esa posición de dominio e abuso das industrias sobre as explotacións". Así, recorda os ditames das comisións da competencia de Galicia e Cataluña, do Grupo de Alto Nivel para a elaboración do paquete lácteo na Unión Europea ou do Consello Económico e Social Europeo.

Roberto García sinala o prezo ínfimo dun cartón de leite © UnionsAgrarias

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.