O macroxuízo pola demanda da Fiscalía sobre as preferentes será o 19 de setembro

Julio Fernández Gayoso, no Congreso © Congreso dos Deputados

Será o vindeiro 19 de setembro. Nesa data celebrarase o xuízo pola comercialización de participacións preferentes e subordinadas, logo da demanda presentada pola Fiscalía Superior de Galicia, tal e como vén de informar o Xulgado de Primeira Instancia número 11 da Coruña ao Ministerio Público.

A Fiscalía chamará a declarar a máis de 650 persoas, entre elas Méndez, Gayoso ou Castellano

Nesa vista vista resolverase sobre a acción de cesamento na comercialización destes produtos, despois de que o xulgado non admitise a trámite a demanda en relación ás accións de nulidade e resarcimiento fronte a Caixa Galicia e Caixanova. A Fiscalía chamará a declarar, como testemuñas, a máis de 650 persoas, entre eles o ex director xeral de Caixa Galicia José Luís Méndez; o que fora presidente de Caixanova Julio Fernández Gayoso e o presidente executivo de Novagalicia Banco, José María Castellano, tal e como aclara o comunicado.

A Fiscalía presentara no pasado mes de xullo a súa demanda "en defensa dos intereses colectivos" dos afectados pola comercialización destes produtos fronte ás entidades Caixa Galicia Preferentes SAU, Caixa Nova Emisións SAU e NCG Banco.

Unha hora antes do xuízo verbal, ás 9.30 horas, terá lugar outra vista na que se tramitará a adopción das medidas cautelares solicitadas no seu día pola Fiscalía. Así, na súa demanda interesaba o depósito, por parte das entidades demandadas, de 1.108 millóns de euros "como cálculo aproximado das cantidades obtidas como consecuencia das prácticas abusivas", explica.

O Ministerio Público pedirá a comparecencia de directores e ex directores de case vinte sucursais das caixas galegas

A instancias do Ministerio Fiscal, o Xulgado de Primeira Instancia número 11 da Coruña ditou tamén unha providencia para asegurar unha das probas que se achegarán no xuízo, relativa ás instrucións na comercialización deste produto financeiro. A Fiscalía Superior de Galicia anuncia tamén que chamará a declarar como testemuñas o ex director xeral de Caixanova José Luis Pego Alonso; e o conselleiro delegado de Novagalicia Banco César González-Bueno Mayer.

Non serán os únicos. A Fiscalía tamén pedirá a comparecencia de directores e ex directores de case vinte sucursais de toda Galicia "e de centos de afectados das catro provincias galegas".

Manifestación contra as quitas das preferentes en Vigo Dominio Público @feminismogaliza
José Luís Méndez © capitalmadrid.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.