O naval clama na rúa contra os "incumprimientos" e o desleixo da administración

Mobilización do naval ferrolán © CIG

Os datos da Confederación Intersindical Galega (CIG), que cifran en máis do 90% as auxiliares do naval en concurso ou preconcurso de acredores, dan boa mostra da situación pola que atravesa un dos principais sectores produtivos de Galicia. O contador de novos contratos está practicamente sen estrear este ano, a excepción de estaleiros como Armón. Empresa, por certo, que opta por non facer públicos os novos pedidos. "Logrou pactar a construción de máis de dez barcos novos", apuntan fontes do sector de Vigo. "Ten unha política empresarial moi definida, de ir negociar fóra e non esperar a que chamen á porta", engaden. Visión subxectiva pero correcta, tendo en conta a testemuña de varios traballadores de auxiliares contactados por Praza, que indican ter carga de traballo "para varios meses". O caso de Armón, con todo, é excepcional. Á dramática situación de Vulcano, Hijos de J. Barreras ou Factoría Naval de Marín súmaselle agora a de Navantia Ferrol-Fene. "Para despois do verán non temos nada", lamenta Ignacio Naveiras, de UGT. É a primeira vez en décadas que a antigua Astano afronta unha situación como esta. Os delegados sindicais en Ferrol e Fene inician hoxe un particular camiño de reivindicación. Chegarán o xoves á cidade da Coruña coa intención de reunirse co delegado do Goberno, Samuel Juárez.

De norte a sur, a situación do naval en Galicia é un camiño empedrado. Os estaleiros privados, situados na súa maioría na cidade de Vigo, levan meses contando horas sen carga de traballo. A suspensión do sistema de bonificación fiscal, coñecido como tax lease, só engadiu máis preocupacións. En xuño de 2011 o comisario europeo de Competencia, o socialista Joaquín Almunia, comunicou que este sistema quedaba suspendido á espera dunha investigación formal por parte de Bruxelas. Empresarios e Goberno autonómico consideraron, desde ese momento, que a supresión do tax lease poñía en serio perigo a supervivencia da industria naval galega. Non obstante, e antes de que a Unión Europea decidise investigar esta modalidade fiscal, a carteira de novos pedidos era nula.

Evolución contractual

Así o repiten con insistencia empresarios da industria auxiliar, que optaron por non aparecer mencionados nesta nova. Segundo a súa opinión, "non se pode afirmar que a supresión do tax lease sexa a culpable de todos os males. O sector estaba en crise moito antes", aseveraron a preguntas de Praza. "A xestión de moitos estaleiros foi nefasta malia ter recibido moitas subvencións públicas". E os datos confirman ese extremo.

 

Segundo os datos de Gerencia del Sector Naval (Gernaval), recompilados por este diario, a carteira de novos contratos de Vulcano, Factoría Naval de Marín, Hijos de J. Barreras ou M. Cíes (en liquidación) era a mesma en xaneiro de 2010 que a día de hoxe: cero buques. "Foise sobrevivindo co que xa estaba en carteira sen preocuparse pola falta de planificación", engaden as mesmas fontes da auxiliar.

Estaleiros e auxiliares

O colapso contractual provocou un auténtico cisma entre os estaleiros e as auxiliares. "Por que Caixanova deixou de ser acredora dun dos grandes estaleiros galegos, que si debe millóns de euros ás pequenas subcontratas?", pregúntase un empresario dunha empresa de mecánica naval. Fontes expertas consultadas destacan que as reconversións do sector forzaron á desaparición de estaleiros con cadros de persoal numerosos, que pasaron a traballar en auxiliares e mesmo a crealas de cero. "Eran traballadores expertos que comezaron a traballar subcontratados". De aí que en concursos como o de Barreras saia á luz un cadro duns 300 traballadores, lonxe dos máis de 2.500 que traballan directamente para este estaleiro.

Os empresarios das auxiliares reclaman que os xestores dos grandes estaleiros sexan apartados da administración destas empresas.

Visita do ministro australiano de Defensa a Navantia Ferrol © Navantia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.