"O naval non ten por que pagar a incompetencia de España na UE"

Ana Miranda no debate sobre o ACTA na Comisión de Comercio Internacional do Parlamento © BNG

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, interpelou este martes o presidente da Comisión Europea, José Manuel Durão Barroso, sobre a reunión que o colexio de comisarios da UE celebrará o 17 de xullo vindeiro e na que, segundo adiantou Joaquín Almunia, prevese aprobar a devolución das bonificacións fiscais do tax lease das que se beneficiou a construción naval.

Aproveitando a sesión plenario do Parlamento Europeo, a eurodeputada nacionalista instou a Barroso a que “antes de tomar unha decisión pense nos miles de empregos que están en xogo no sector naval tanto en Galiza, onde xa se perderon máis de 10.000 empregos directos, como noutras partes do Estado español, caso de Asturias ou do País Vasco”, salientou a eurodeputada. "Esa posible multa deixaría sen traballo a máis 30.000 familias", advertiulle Miranda.

"Esta posible multa deixaría sen traballo a máis de 30.000 familias", lembrou Ana Miranda

“É un contrasentido que estea aquí hoxe a falar de políticas de loita contra o desemprego, se dentro dunha semana a Comisión Europea que vostede preside adopta unha decisión  de sanción que supón acabar con millleiros de postos de traballo nun sector estratéxico para Galiza”, asegurou Miranda na interpelación ao presidente da Comisión.

Así, o BNG volveu deixar claro que na súa opinión é necesaria unha “decisión política” que garante a viabilidade do sector naval galego, como se ten feito en situación similares con outros estados membros. “O sector non ten por que pagar a incompetencia política do Goberno español á hora de defender os seus intereses ante a UE, nin ten porque pagar polo mero feito de cumprir coa normativa vixente que representaba o sistema do tax lease”, conclúe.

Ana Miranda no Plenario do Parlamento Europeo © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.