O naval responde ao 'tax lease': ou folga total na comarca ou folga xeral no sector

Mobilización en Vigo en defensa do naval © CCOO

Ou folga xeral comarcal ou folga sectorial no Estado. Esas son as súas alternativas que sobre as mesas poñen os principais sindicatos do sector para presionar ante a inminente decisión da comisario europeo da Competencia, Joaquín Almunia, que neste mes comunicará se os estaleiros terán que devolver as axudas cobradas grazas ao tax lease, sistema de bonificacións que estivo activo durante case unha década. Unha decisión afirmativa sobre esta devolución suporía, segundo advirten as centrais, o tiro de graza para o naval galego.

UGT e CCOO pactaron xa unha folga xeral no sector naval de todo o Estado para finais deste mes de xuño

Por iso, os sindicatos buscan presionar e responder con contundencia. UGT e CCOO teñen xa un acordo para levar a cabo unha serie de mobilizacións que rematen a finais de mes coa convocatoria dun paro xeral no sector e, xa que logo, en todos os estaleiros privados do Estado. Galicia, Euskadi e Asturias serían as comunidades onde se levaría a cabo unha folga que non será antes do día 17, pero que tería lugar pouco despois ante a necesidade de adiantarse á decisión de Almunia neste mes.

"O noso handicap é o tempo porque ten que ser antes de que finalice xuño; si ou si", aclara Ramón Sarmiento, secretario xeral da Federación de Industria de CCOO na comarca de Vigo. As negociacións están máis que avanzadas e entre mediados e finais da vindeira semana debería coñecerse a data proposta para esta folga sectorial.

A CIG opta por unha folga xeral global e comarcal en Vigo como "resposta contundente" ás intencións da UE co 'tax lease'

Precisamente, nesta próxima semana, o día 12, xa hai unha mobilización convocada pola CIG na defensa da industria da comarca viguesa e na que chama a unirse tanto a Comisións como a UGT. Sería só o primeiro paso cara a unha folga xeral comarcal -en todos os sectores- que a central nacionalista pretende tamén para antes de que finalice este mes de xuño e para a que reclamou o apoio do resto dos sindicatos, que de momento só pensan no paro sectorial.

A CIG "chama as restantes organización sindicais e sociais da comarca a mobilizarse contra esta resolución do tax lease para defender o noso futuro". A central nacionalista considera que "é o momento de dar una resposta unánime e contundente" e esa debería pasar por un paro total "neste mes de xuño". CCOO e UGT aseguran non coñecer de primeira man, máis aló que o comunicado feito público, esta proposta, pero semella que a súa primeira opción é a alternativa de paro sectorial.

"Estou convencido de que coincidiremos coa CIG na data, pero tamén no discurso e no plantexamento", di CCOO

Aínda así, tal e como di Ramón Sarmiento, Comisións e UGT amósanse convencidos de que coincidirán "na data" coa CIG para lograr artellar así unha resposta conxunta á ameaza da resolución da UE. "E estou convencido de que poderemos confluír tamén no discurso e non plantexamento desta resposta, que é o máis importante", engade.

Respecto á proposta dun paro xeral e comarcal, Sarmiento di estar "seguro" de que o sector naval conta con "toda a solidariedade" do resto de sectores da zona de Vigo, pero entende que "xestionar agora unha folga global sería complicado". "Se fose por solidariedade e necesidade, todos estariamos na rúa porque todas as causas neste momento de crise son meritorias", engade. O obxectivo: chegar a un acordo no que os tres principais sindicatos conflúan para presionar ante unha decisión que podería supor a morte do naval e a destrución de milleiros empregos no sur de Galicia.

Manifestación polo naval en Vigo CC-BY-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.