O naval vigués quere sobrevivir e amósao nas rúas. Unha pouco habitual unanimidade sindical e política avalou este sábado a reivindicación á que lle puxeron voz case 10.000 persoas polas principais rúas da cidade. Nunha tarde efervescente pola coincidencia desta protesta coa marcha do movento 15M, representantes de CIG, CC.OO e UGT, dirixentes das tres forzas parlamentarias galegas e doutras organizacións políticas coincidiron en reclamar "compromisos" concretos e, sobre todo, "carga de traballo" que lle permita á industria viguesa ter un futuro certo.
Cun remate cambiado a última hora, do edificio administrativo da Xunta á Porta do Sol -no emprazamento previsto rematou o 15M- a actriz Uxía Blanco resumiu as reivindicacións. O Goberno central e, nomeadamente, Mariano Rajoy, debe deixar de "culpabilizar á Comisión Europea" e buscar solucións.
Ao Goberno central, pero tamén ao galego, referiuse durante a marcha o candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera. Para o nacionalista "o naval está nunha situación límite por decisións exclusivamente políticas adoptadas por Bruxelas ante a pasibidade" de Xunta e Estado. Para Jorquera é calro que "a suspensión do tax lease -réxime fiscal especial- tiña como obxectivo que os estaleiros franceses e holandeses quedasen coa cota de mercado dos esteleiros, así de simple", di. "Francia e Holanda continúan a gozar de reximes fiscais moi favorábeis" pero "Galiza, non" e "así non podemos competir en igualdade".