O novo recorte xa ten cifras: máis IVE, menos prestación por desemprego e funcionarios sen paga extra

Rajoy, no Congreso © Goberno de España

Había espectación no Congreso, sabíase que este debate -convocado para falar do recente cumio europeo- ía servir para que Mariano Rajoy anunciase un novo paquete de medidas de axuste, de xeito que as contas públicas españolas cadren coas esixencias expresadas pola UE para iniciar o rescate ao sistema bancario español. Os xornalistas non recibiron por anticipado o discurso de Rajoy, todo un indicio de que ía haber noticias. E hóuboas, a pesar de que o presidente do Goberno pasou os primeiros vinte minutos debullando un discuso tecnocrático, repetindo as cifras xa coñecidas por todos.

Na metade do seu discurso Rajoy comezou a anunciar as medidas que adoptará o Goberno para acadar un axuste de 65 mil millóns de euros en dous anos, centradas tanto nun recorte dos gastos públicos, que se levará a cabo principalmente pola diminución das axudas sociais e en recortes que sufrirán principalmente os empregados públicos. En canto aos ingresos, apóstase por gravar o consumo, incrementando o tipo xeral do IVE, do 18 ao 21 por cento. Unhas e outras medidas foran xa anticipadas nos últimos días por distintos membros do Goberno, en sucesivos globos-sonda e concretaranse entre este mércores e o Consello de Ministros do venres, presidido polo Rei e que aprobará definitivamente os axuste.

Houbo quen xa comezou a comparar esta intervención de Rajoy coa realizada por Zapatero en maio de 2010, cando o daquela presidente anunciou o seu gran plan de axustes, moitos en contra do seu progama electoral. Rajoy finalizou o seu discurso cun ton épico e case desesperado. "Non podemos elixir, non temos esa liberdade", concluíu Rajoy, unha frase moi semellante ao "custe o que nos custe" de Zapatero. Rajoy repetiu varias veces as palabras "grave", "urxente" ou "sacrificio" e recoñeceu que "dixen que baixaría os impostos e estounos subindo", para engadir "cambiaron as circunstancias e teño que adaptarme a elas". O presidente do Goberno mesmo se preguntou "servirán estes sacrificios para algo?" e contestouse "a miña resposta é si".

 

Recorte aos funcionarios

Esta tarde, por exemplo, reúnese o Goberno cos sindicatos da Función Pública para detallarlles as medidas que adoptará e que afectan aos funcionarios. Pero xa esta mañá, dende a tribuna do Congreso, Rajoy anunciou que se eliminará a segunda paga extraordinaria para os traballadores do sector público, a de nadal, en 2012, 2013 e 2014, o que na práctica supón un recorte do 10% nos seus salarios, conxelados nos dous últimos anos e que xa sufriran un descenso do 5% en 2010. Rajoy afirmou que este recorte se compensará a partir de 2015 con achegas aos plans de pensións dos traballadores, pero non puido evitar que fose precisamente ao abordar esta cuestión que o debate na cámara se crispase máis, con continuas interrupcións por parte dos deputados da oposición. O Goberno espera obter por esta vía 4.000 millóns de euros cada ano.

Ademais, reduciranse os días de libre disposición para os traballadores do sector público e tamén o número de liberados sindicais, e segundo Rajoy equipararanse as condicións das situacións de incapacidade temporal coas do resto de traballadores, e facilitarase a mobilidad dos empregados públicos. Os sindicatos xa falan de mobilizacións para xullo e agosto e valoran a convocatoria dunha folga en setembro.

 

Redúcese a prestación aos desempregados

En canto ás axudas sociais, Rajoy anuncia que "se revisarán os baremos de dependencia" e tamén se procederá "unha revisión ás prestacións de desemprego", nas que o presidente do Goberno asegura que "se manterá o importe actual durante os primeiros seis meses" pero a partir de aí reducirase do 60% ao 50% da base reguladora. Iso quere dicir que os novos desempregados verán reducida a cantidade que reciben a partir do medio ano de atoparse nesa situación. Ademais, "suprimiranse moitas bonificacións á contratación", segundo Rajoy, agás as do novo contrato de emprendedores.

O Goberno tamén quere "acelerar a revisión da xubilación anticipada, que tratará ante o Pacto de Toledo. Rajoy falou tamén de "despilfarro" nas comunidades autónomas, aínda que non anuncia medidas concretas. Di que o consello de política fiscal de mañá fixará o obxetivo do déficit, revisará os plans presentados e "en virtude do grao de aplicación se adoptarán as medidas"

 

Incremento do IVE

En canto aos ingresos, o IVE increméntase en tres puntos, do 18% ao 21%, mentres que o tipo reducido se incrementará do 8 ao 10, e só o superreducido se mantén no 4%. Rajoy incumpre, pois, a súa palabra, pois prometera que non o ía modificar. Pola contra, reduciranse as cotizacións sociais que pagan as empresas: un punto en 2013 e outro en 2014.

A suba do IVE terá un efecto á baixa no gasto dos consumidores, o que prexudicará a recuperación da economíe e provocará unha menor recadación a curto prazo. No que vai de ano, a recaudación a través do cobro do IVE caeu un 10% até maio. A medida aprobarase no Consello de Ministros deste venres e entrará en vigor de inmediato. 

Ademais, increméntanse os impostos medioambientais, o imposto sobre o tabaco e desaparece a dedución pola adquisición de vivendas. O fin deste deducción, que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2013, incumpre outra promesa electoral do Partido Popular, que situou esta rebaixa impositiva como un dos piares da súa campaña electoral, despois de que o PSOE a eliminase en 2010. Finalmente, Rajoy anunciou, aínda que sen dar detalles, que se cambiarán os impostos que gravan a enerxía co obxectivo de reducir o déficit de tarifa. Nos últimos seis anos os impostos sobre a enerxía creceron un 70%.

 

Reformas na administración pública

Rajoy anunciou tamén reformas nas administracións públicas, retirándolles competencias aos concellos pequenos e reforzando as deputacións provinciais, cunha meirande fiscalización das contas, como xa propuxo a FEMP e contou Praza. Ademais, reducirase nun 30% o número de concelleiros e suprimiránse "drasticamente" as empresas públicas de ámbito local. Alcaldes e concelleiros estarán obrigados a homoxeneizar as súas retribucións. Tamén se eliminarán fundacións, empresas e organismos públicos en todos os niveis da administración. O presidente do Goberno afirmou que haberá tamén un recorte do 30% nas achegas a partidos políticos e sindicatos, que se unirá ao 20% que xa se aprobou para este ano.

Rajoy disponse a anunciar os recortes © Goberno de España
Rajoy, no Congreso © Goberno de España

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.