O número de empresas insolventes dispárase en Galicia

Protesta contra o concurso de acredores dunha empresa CC-BY-NC-SA arribalasqueluchan

Máis crise, máis empresas insolventes e máis concursos. Así, Galicia rexistrou 352 concursos de compañías nos primeiros nove meses de ano, o que supón un 49% máis que no mesmo período de 2011. O país sitúase así como a quinta comunidade autónoma por actividade concursal, só por baixo de Catalunya, Valencia, Madrid e Andalucía, segundo os datos feitos públicos por PwC e elaborados a partir das publicacións do BOE.

 

En canto aos datos por provincias, A Coruña, con 152, e Pontevedra, con 136, acumulan a maioría das insolvencias, seguidas de Lugo (46) e Ourense (18). No conxunto do Estado, o número de concursos mercantís alcanzou os 5.041 procedementos entre xaneiro e setembro de 2012, un 36% máis que no mesmo período do ano pasado.

Catalunya (21%), a Comunidade de Madrid (16%) e a Comunidade Valenciana (12%) son as autonomías con maior actividade e supoñen case o 50% do total de concursos publicados, seguidos por Andalucía, cun 10%, Galicia (7%) e Euskadi (7%).

Por sectores, construción e inmobiliario representan o 44% do total de procedementos publicados. En ambos os dous sectores continúa o crecemento no número de concursos, con incrementos do 41% e o 24%, respectivamente.

Protesta contra o concurso de acredores dunha empresa CC-BY-NC-SA arribalasqueluchan

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.