O número de persoas que levan máis de dous anos no paro seguiu crecendo en 2014

Evolución do número de galegos e galegas no paro polo tempo de búsqueda de emprego Dominio Público Praza Pública

2014 foi o primeiro ano dende 2007 que se reduciu o número de persoas desempregadas, en Galicia e no conxunto de España. É posible que a destrución de emprego tocara teito, mais as aínda estarrecedoras taxas de paro (21,65% en Galicia, 24,44% no Estado) tardarán aínda moitos anos en regresar -se o fan- aos niveis previos. A situación económica é algo mellor, pero só para unha parte da poboación. En Galicia hai aínda 276 mil persoas desempregadas en idade de traballar e moitas delas son parados e paradas de longa duración.

Este venres publicáronse os datos medios anuais da Enquisa de Poboación Activa, unhas cifras xa coñecidas pero que permiter realizar unha análise máis repousada e lonxe de calquera distorsión estacional. En 2014 o desemprego reduciuse en Galicia en nove mil persoas; porén, segue a aumentar o número de galegos e galegos que levan máis de dous anos buscando un traballo sen conseguilo. Son case 110 mil, fronte ás 100 do ano anterior, ao redor do 40% do total de parados e paradas. En 2009 había en Galicia 23 mil persoas que levaban máis de dous anos no paro, hoxe esa cifra multiplicouse case por cinco.

A eses 110 mil poderíamos sumar outras 54 mil persoas que levan entre 1 e 2 anos no paro, ata facer un total de 164 mil galegos e galegas con máis de 12 meses consecutivos na procura dun emprego que non aparece. Son un dos colectivos que máis está sufrindo nesta crise económica, sen prestacións por desemprego e cunha porcentaxe importante de persoas de máis de 55 anos. De feito, a taxa de paro para os e as maiores de 55 anos en Galicia duplicouse dende o comezo da crise, pasando do 5,6% de 2008 e o 7,2% de 2009 ao actual 15,22%. Ademais, a taxa de cobertura segue a caer, e nestes momentos hai 92.800 fogares en Galicia con todas as persoas activas en situación de desemprego. 

 

  2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014
Menos de 3 meses 48,5 53,9 49,8 52,8 55 50,6 51,4
Entre 3 meses e 1 ano 32,2 61 69,7 67,8 69,4 70,6 60,2
Entre 1 e 2 anos 14,2 25,9 46,1 54,8 59,7 63,1 54,3
Máis de 2 anos 16,8 23,2 35,3 52 76,3 100,2 109,9
Total 113,6 164,1 199,9 227,2 270,5 284,6 275,8

Número medio de galegos e galegas desempregadas e tempo que levan buscando traballo, en miles. Fonte: EPA

 

Evolución do número total de galegos e galegas no paro e daquelas persoas que levan máis de dous anos desempregadas Dominio Público Praza Pública
Evolución do número de galegos e galegas no paro polo tempo de búsqueda de emprego Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.