O pago dos intereses da débeda come os recortes ministeriais e a suba do IVE

De Guindos, Sáenz de Santamaría e Montoro © Goberno de España

"Que o paguen os cidadáns é inevitable", dixo o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, preguntado polos axustes e subas de impostos que sufrirá a cidadanía. Foi claro o membro do Goberno ao presentar os Orzamentos Xerais do Estado para 2013, uns presupostos nos que os intereses da débeda e o cumprimento das esixencias de déficit que marca Bruxelas son as claves para explicar outra brutal recorte de gasto e a implatanción de novas medidas tributarias.

Os intereses da débeda increméntanse en case 10.000 millóns, o que case triplica os recortes ministeriais

Así, os Orzamentos recortarán o gasto dos ministerios nun 8,9%, o que suporán algo máis de 3.800 millóns de euros, un desconto que comerá -e con moito- o incremento dos intereses da débeda estatal, que sobe un 33%, algo máis de 9.700 millóns, pero tamén xunto o aumento de IVE xa anunciado hai tempo (máis de 6.300 millóns) e as novas medidas tributarias que prevén recadar 4.375 millóns en 2013 e que inclúen un gravame do 20% aos premios de loterías que superen os 2.500 euros e co que se esperan recadar 824 millóns.

Aplicarase un gravame do 20% aos premios de loterías que superen os 2.500 euros

En total, o Estado deberá desembolsar un total de 38.600 millóns de euros en 2013 para financiarse, unha cantidade que supera en algo máis de 9.000 millons á de 2012 e cuxo aumento duplica o aforro previsto na redución de gastos ministeriais. Ademais, o Goberno terá que asumir tamén o incremento nas transferencias á Seguridade Social para garantir as prestacións, polo que traspasará ao organismo 6.662 millóns, dos que algo máis da metade (3.603 millóns) chegarán do Fondo de Reserva para poder pagar as pensións, sendo a primeira vez que se acode a este, pero sen aclarar se se actualizarán as prestacións en función do IPC ou non.

O Estado recorre por primeira vez ao Fondo de Reserva para poder pagar as pensións

O gasto do Estado aumenta así nun 5,6% (case 9.000 millóns), até un total de 169.775 millóns. Deses cartos, e segundo aclarou a vicepresidenta Sáenz de Santamaría, o 63,5% irá destinado ao gasto social. No capítulo de ingresos, o Goberno confía en ingresar 90 millóns do imposto ás plusvalías no primeiro ano incluído no IRPF, unha cantidade semellante á que se obterá coa supresión da deducción fiscal pola compra de vivenda.Tamén confía en obter uns 700 millóns coa prórroga do imposto de patrimonio e preto de 2.800 polos límites ás amortizacións nun 70%. 

Porque nestes Orzamentos "para saír da crise", como destacou o Goberno, só se incrementarán as partidas destinadas ás bolsas de estudo, as pensións e, por suposto, os intereses da débeda. 

O plan de reformas inclúe 43 novas leis, unha autoridade independente para o control das contas públicas ou unha comisión tripartita que resolva os conflitos por convenios laborais

Ademais, o Goberno anunciou un plan para incentivar a venda de automóbiles cunha axuda de 2.000 euros, ademais de reformas para aumentar a competitividade e o libre mercado. Nese plan de reformas estruturais, que se aplicará o vindeiro semestre e co que tamén se prevé facilitar o crecemento e o emprego, inclúense 43 novas leis que se axustan ás esixencias de Bruxelas. Entre elas incluiranse a reforma do sistema financeiro, a creación dunha autoridade fiscal independente para o control das contas públicas, o desenvolvemento da reforma laboral, novas reformas nas administracións públicas, o fomento da unidade de mercado, un plan para emprendedores e a liberalización de sectores estratéxicos como o enerxético, o de servizos e o de telecomunicacións.

Dentro deste paquete inclúese tamén a creación da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, que agrupará os reguladores e simplificará o sistema de supervisión de sectores como as telecomunicacions e a enerxía, mentres que o desenvolvemento da reforma laboral conta coa creación creación dunha comisión tripartita (de empresarios, sindicatos e Goberno) que resolverá os desacordos na aplicación dos convenios colectivos.

O Goberno subirá as pensións só un 1%, por baixo do custo da vida

En canto ás previsións macroeconómicas, o Goberno mantén a previsión da caída do 0,5% do PIB, unha previsión demasiado optimista, xa que os organismos internacionais e os servizos de estudos privados prevén unha caída de máis do dobre.

Por outra banda, o Goberno subirá as pensións en 2013, pero só un 1%, por baixo do custo da vida, malia que as recomendacións do Pacto de Toledo. O IPC de agosto situouse no 2,7%, pero todas as previsións sinalan que en novembro podería quedar en arredor do 3%.

De Guindos, Sáenz de Santamaría e Montoro © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.