O paro baixa en 1.636 persoas en Galicia, que ten case 15.000 parados máis que hai un ano

Vista dunha oficina de emprego © Encomun.es

O paro rexistrado nas oficinas dos servizos públicos de emprego descendeu en Galicia en 1.636 persoas, segundo os datos facilitados polo Ministerio de Emprego. É unha diminución do 0,56% con respecto ao mes de febreiro, polo que a cifra de desempregados no país queda en 291.187 persoas, 14.392 e un 5,2% máis que hai un ano.

O paro descende en 1.636 persoas en marzo, pero hai case 15.000 desempregados máis que hai un ano

Galicia é unha das nove comunidades autónomas onde descendeu o paro no pasado mes de marzo no Estado, onde o número de desempregados baixou en 4.979 persoas, un 0,1% respecto a febreiro, o que supón o seu primeiro descenso neste mes desde o ano 2008. Con estas cifras, o número de parados rexistrados en España sitúase en 5.035.243 persoas.

En comparación co mes de marzo de 2012, o paro incrementouse no Estado en 284.376 persoas, o que supón un 5,9% máis, unha suba semellante á que se deu en Galicia (5,2%). Precisamente, Galicia foi a terceira comunidade autónoma onde máis baixou o paro en marzo tras Baleares (-3371) e Valencia (-2232). Por provincias, o desemprego baixou en todas. Na Coruña hai 888 persoas menos sen traballo (-0,77%); en Lugo, 252 (-0,85%); en Pontevedra, 347 (-0,3%) e en Ourense, 149 (-0,47%).

Os datos reflicten o descenso conxuntural do paro, provocado pola Semana Santa

Os datos reflicten que o descenso no desemprego é tan só conxuntural e provocado pola Semana Santa. A distribución por actividade económica aclara que o groso da caída do paro en marzo en Galicia concentrouse no sector servizos, que reduciu a súa cifra de parados en 1.570, até un total de 170.188.

Tamén baixaron os desempregados en construción (-206), até 47.249; e industria (-175), até 40.891; mentres que aumentaron en agricultura (+119), até 9.652 e no colectivo de persoas sen emprego anterior (+196), até 23.207.

Por idades, no conxunto do Estado, o descenso do desemprego centrouse nos maiores de 25 anos, con 4.825 parados menos, mentres que entre os menores de 25 o paro tan só caeu un 0,03% e 154 persoas no conxunto do Estado. Aínda así, tal e como destaca o Ministerio de Emprego, o paro xuvenil baixou en case 30.000 persoas no último ano.

A secretaria de Estado de Emprego, Engracia Hidalgo, destacou que "un mes máis mantense a tendencia pola que se está a frear o ritmo de aumento do paro rexistrado, dentro dun contexto adverso de recesión económica". Ademais, destacou as medidas que está a tomar o Goberno central para deter a destrución de emprego, como "as recentes medidas adoptadas en febreiro e marzo para o emprego dos máis novos e para o envellecemento activo e, de forma especial, as medidas da Estratexia de Emprendemento e Empleo Xuvenil".

Afiliación á Seguridade Social

A media de afiliación en Galicia á Seguridade Social no mes de marzo situouse en 910.030, o que supón unha variación interanual de 35.712 traballadores menos, un 3,78 % menos que no terceiro mes do 2012. Por réximes, o xeneral acolle a 675.106 traballadores; o de autónomos, a 212.859 e outros 22.065 están afiliados ao réxime do mar.

Galicia ten 910.030 persoas afiliadas á Seguridade social, 35.712 menos que hai un ano

No conxunto de España, o número medio de afiliados á Seguridade Social aumentou en marzo en 30.528 persoas, o 0,19 % máis que en febreiro, co que a cifra de ocupados alcanzou os 16.181.275. Neste mes, todos os réximes, excepto o especial do carbón, rexistraron aumento na afiliación.

Oficina de emprego CC-BY Adrián Estévez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.