O paro baixa en Galicia 7.405 persoas en xuño

Oficina de emprego Dominio Público Praza Pública

O paro baixa en xuño en 98.853 persoas no conxunto do Estado, un bo dato (o mellor dende 1996) que deixa a cifra total de rexistrados nas oficinas de emprego en 4.615.269. É o terceiro descenso consecutivo, despois do rexistrado en abril e maio. Nos últimos doce meses, en relación con xuño de 2011, o número de desempregados creceu así e todo en medio millón de persoas, un doce por cento. 

Por sectores económicos, o paro rexistrado baixa en todos eles, agás en agricultura, que se incrementa en 1.182 (0,74%). En industria baixa en 9.970 (-1,85%), en construción redúcese en 17.124 (-2,15%), e en servizos descende en 52.654 (-1,88%). Por último, o colectivo sen emprego anterior baixa en 20.287 persoas (-4,90%). O descenso máis importante prodúcese entre os menores de 25 anos, nos que descende en 37.338 persoas (-7,61%) respecto ao mes anterior.

En Galicia, o paro descende en 7.405 persoas, un 2,68%

En Galicia, o paro descende en 7.405 persoas, un 2,68%, mesmo por riba da media do conxunto do Estado, até un total de 269.203 desempregados. Con todo, de novo analizando os datos anualmente, a cifra increméntase en 35 mil persoas, un quince por cento, máis que no resto de España.

A afiliación á Seguridade Social tamén mellora con 31.332 ocupados máis, un 0,18% máis fronte a maio, superando os 17 millóns de cotizantes. En Galicia, os afiliados á Seguridade Social ascenden a 946.563 persoas.

Non todos os datos son tan positivos, pois meses despois da aprobación da reforma laboral, os datos de xuño indican que se rexistraron menos contratos (un 2,1% menos) ca no mesmo mes do ano anterior. En Galicia o descenso é aínda maior: un 2,42%. Apenas un 7,13% do total de contratos foron indefinidos, un 3,6% menos que en 2011. En Galicia os indefinidos representaron un chisco máis, o 8,43%.

 

Para os sindicatos o descenso é "puramente estacional"

CCOO analiza positivamente os datos de xuño, pero matiza que, á vista dos datos interanuais, "confírmase que este descenso é puramente estacional". Segundo Maica Bouza, secretaria de Emprego de CC OO, ao se tratar dunha caída estacional, en pouco tempo volverase rexistrar un incremento do paro, xa que non se poderá inverter a tendencia mentres continúen as políticas de axuste dos Gobernos central e autonómico. Bouza sinala que é compatible cumprir co déficit público e impulsar medidas que reactiven a actividade económica, pero advirte de que facer o contrario é incrementar o paro.

CC OO reivindica un cambio nas políticas e aposta por unha reforma fiscal "profunda" que permita obter maiores recursos para financiar a saída da recesión "con emprego e dereitos"

Por este motivo, CC OO reivindica un cambio nas políticas e aposta por unha reforma fiscal "profunda" que permita obter maiores recursos para financiar a saída da recesión "con emprego e dereitos", que facilite o crédito para as empresas e as familias e que restitúa a protección social e os dereitos que vén recortando o Goberno desde a súa chegada.

UGT fai fincapé en que a taxa de cobertura por prestacións por desemprego cae en Galicia ao 64,4%

De igual xeito, UGT considera que os datos do paro de xuño dan "un pequeno respiro", aínda que o sindicato advirte que "esta é unha cifra marcada pola estacionalidade". Por este motivo UGT denuncia qeu "este país sigue anclado nun modelo produtivo que fixo que a caída na recesión sexa máis prolongada que a dos países veciños europeos" e reclama que "é ineludible o cambio de obxectivos da política económica, recuperando o crecemento e o emprego como eixes fundamentais, e basados munha maior cohesión social".

O sindicato fai fincapé en que a taxa de cobertura por prestacións por desemprego cae en Galicia ao 64,4%. Hai menos beneficiarios de prestacións contributivas que no mes anterior (82.827 fronte a 84.347 hai un mes). Tamén hai menos beneficiarios de subsidio por desemprego (64.750) e en cambio medra o número de persoas que reciben a a renda activa de inserción (12.290 fronte a 12.061 no mes anterior).

A CIG considera “bochornoso” que se faga unha lectura triunfalista

Pola súa banda, a CIG considera “bochornoso” que se faga unha lectura triunfalista dun descenso "puramente estacional". Para o secretario confederal de Emprego, Antonio López Rivera, é especialmente grave que o 92,21% dos contratos asinados no mes de xuño sexan de carácter temporal. “Constata un nivel de eventualidade e, polo tanto, de precariedade laboral terríbel, evidencia o carácter estacional da contratación e demostra o absoluto fracaso das sucesivas reformas laborais”. O sindicato nacionalista considera "aínda máis preocupante" que "de practicamente 270.000 persoas desempregadas, só 159.876 estean percibindo algún tipo de prestación e que destas, a metade estean xa cobrando subsidios".

 

Oficina de emprego Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.