O paro cae en Galicia en algo máis de 10.000 persoas en xuño

Oficina de emprego CC-BY Adrián Estévez

O paro rexistrado en Galicia baixou en xuño en 10.452 persoas respecto a maio, situándose así o número total de desempregados no país en 273.434 persoas, un 3,68% menos que o mes anterior. No entanto, e en comparanza co mesmo mes de hai un ano, o paro aumentou en 4.231 persoas, un 1,57% máis, tal e como recollen os datos publicados este martes polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

O paro descende en todas as provincias galegas, pero a maior caída é no sector servizos polo verán

No conxunto do Estado, o paro rexistrado en xuño descendeu por cuarto mes consecutivo, con 127.248 desempregados menos con respecto a maio, deixando o numero de parados en 4.763.680, un 2,6% menos que en maio. En canto a provincias, nos catro territorios galegos rexistrouse un saldo negativo de parados respecto ao mes anterior, sobre todo na de Pontevedra (-4.536), pero tamén na Coruña (-3.780); Ourense (-1.260); e Lugo (-876).

Galicia foi a cuarta comunidade onde máis descendeu o paro rexistrado, tras Cataluña (24.878 parados menos), Andalucía (-16.442 parados) e Madrid (-14.716), aínda que de novo as cifras, malia ser boas, non dan moitos motivos para o optimismo, xa que xuño é case sempre un mes onde os números dan un respiro. Unha vez máis, e como corresponde á época do ano, a maior caída do desemprego produciuse no sector servizos, onde o número de parados se reduciu en case 7.250 persoas, seguido da construción (-1.281), a industria (-902) ou a agricultura (-320).

Tan só o 6,6% dos novos contratos asinados en xuño en Galicia son indefinidos

A pesar destes bos datos, a contratación, un claro sinal da dinánima do mercado de traballo, segue en negativo. Así, o número de contratos novos fronte ao mesmo mes de 2012 caeu nun 7,87% en España. Esta caída da contratación ten especial incidencia nos indefinidos. En xuño de 2013 só se asinaron 87.349 novos contratos de traballo con esta modalidade, o que apenas representa o 6,84% de todos os contratos (1.277.255). Este dato supón un descenso case o 50% sobre xuño do ano pasado. De feito, os contratos indefinidos rexistrados de xaneiro a xuño son un 18,57% menos que os que houbo de xaneiro a xuño de 2012.

En Galicia, os datos da contratación son aínda peores. En xuño formalizárone no país 59.745 contratos, un 6,12% máis que o mes anterior (3.444 en termos absolutos), pero un 9,85% menos que en xuño de 2012 (6.530 menos). Ademais, do total, 55.794 contratos son de carácter temporal, un 93,4% de todos os asinados no pasado mes, mentres que os indefinidos tan só supoñen un 6,6%. No primeiro semestre, son indefinidos un 8,8% e temporais un 91,2%.

Ademais, os datos do paro rexistrado volven obviar a realidade da emigración, especialmente dos mozos, o que amortigua a suba do desemprego. Máis de 65.000 persoas marcharon de Galicia desde o comezo da crise, concretamente entre 2007 e 2011 segundo os últimos datos do IGE. Malia isto, a taxa de paro non deixou de medrar nese mesmo período. No conxunto do Estado, e malia o descenso do número de parados en máis de 127.000 persoas neste mes de xuño, o número de cotizantes aumentou en só uns 26.800, o que indica que a fuxida cara a outros países segue a ser unha alternativa ou mesmo que moitos desempregados xa non se apuntan no INEM.

Malia todo, a directora xeral de Emprego e Formación da Xunta, Ana María Díaz López, considerou que o dato do paro "é positivo", aínda que apelou á "prudencia" antes de facer valoracións sobre a posibilidade dun cambio de tendencia.

Vista dunha oficina de emprego © Encomun.es

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.