Tal e como anticipara o presidente do Goberno aproveitando a súa comparecencia parlamentaria para falar do caso Bárcenas, o paro rexistrado en España descendeu en xullo en 64.866 persoas. Con este descenso, a cifra total de parados inscritos nas oficinas de Emprego descende até os 4,698 millóns de parados. Este dato é o mellor desde agosto de 2012. En termos relativos, a caída do paro é do 1,36% fronte a xuño, e é o quinto mes consecutivo que descenden o número de desempregados que están dados de altas no INEM. Se se toma como referencia xuño de 2012, o desemprego subiu en 111.359 persoas.
Así, fronte á saída de case 65.000 persoas das listas do INEM, só se incorporaron 32.890 como cotizantes á Seguridade Social
Con todo, en termos desestacionalizados, isto é, sen o efecto calendario, o paro sobe en nada menos que 7.591 persoas, deixando a cifra total de parados en máis de 4,8 millóns de parados. Esta esta é a estatística que o ministerio de Economía envía a Bruxelas para as comparacións internacionais.
Tamén choca o aparente vigor co que se está recortando o paro -ou "o freo ao ritmo do crecemento" en palabras da secretaria de Estado de Emprego, Engracia Hidalgo- e a tímida subida da afiliación. Así, fronte á saída de case 65.000 persoas das listas do INEM, só se incorporaron 32.890 como cotizantes á Seguridade Social. Esta fenda amosa que ou ben hai un transvasamento á economía sumerxida, ou ben hai unha saída da poboación activa, un dato que xa se percibe nas estatísticas da Enquisa de Poboación Activa (EPA) que sinalan que miles de traballadores están a abandonar España.
O descenso do paro en Galicia prodúcese en todos os sectores pero sobre todo en servizos, que rexistra unha caida de 8.498 demandantes de emprego
En Galicia o descenso do número de desempregados é moi importante: 12.332 parados menos, até quedar na cifra total de 261.102 persoas inscritas nas oficinas de búsqueda de emprego. Con respecto ao mesmo mes do ano pasado as cifras de desemprego en Galicia crecen en 904 persoas. O descenso do paro en Galicia prodúcese en todos os sectores pero sobre todo en servizos, que rexistra unha caida de 8.498 demandantes de emprego, e a constución: 2.070 parados menos. Pola contra, crece en 375 no colectivo de persoas sen emprego anterior.
Sectores, colectivos e Comunidades Autónomas
En Galicia asináronse 4.803 contratos indefinidos en xullo, un 21% máis ca no mes anterior, pero un 66% menos que hai 12 meses
O paro baixou máis entre os homes (case un 2% menos), que entre as mulleres (-0,82%). Tamén se acusa máis o descenso no colectivo de menores de 25 anos, no que se recorta o número de desempregados rexistrados nun 2%. Con respecto á contratación, o tipo de filiación que se fai nas empresas segue sendo o que popularmente se coñece como "precaria". Así, dos 1,5 millóns de contratos realizados no mes de xullo, só 96.338 son de carácter indefinido, isto é, o 6,39% do total. Comparando cos indefinidos realizados en xullo do ano pasado, supón case un 60% de contratos indefinidos menos. Case 1,4 millóns dos contratos asinados son de carácter temporal. Dentro deste tipo de contratos o groso (máis de medio millón) son ademais a tempo parcial. En Galicia asináronse 4.803 contratos indefinidos en xullo, un 21% máis ca no mes anterior, pero un 66% menos que hai 12 meses, seguindo a tendencia predominante no resto de España.
A cobertura en canto a prestacións, isto é, o número de parados que recibe algún subsidio segue descendendo, até supor un 61,98% do total do sistema, cun recorte do 6,2% respecto de maio (esta estatística leva un mes de decalaxe). Ademais, a prestación tamén se reduce até supor de media 878 euros brutos, case 27 euros menos de media que no mesmo mes de 2012.
O feito de saír das listas de paro non significa só haber atopado traballo, senón que tamén agacha o efecto do desánimo de quen perde a prestación ou non cre que as oficinas de Emprego o vaian axudar a atopar un posto de traballo
En termos relativos, a construción segue sendo o sector onde máis se reduce o desemprego. Este fenómeno deixa claro que o feito de saír das listas de paro non significa só haber atopado traballo, senón que tamén agacha o efecto do desánimo de quen perde a prestación ou non cre que as oficinas de Emprego o vaian axudar a atopar un posto de traballo. Ademais, o sector no que máis sobe o desemprego é en Servizos, que está a absorber o transvasamento de parados doutros sectores que esperan atopar emprego nesta actividade e non na que practicaban tradicionalmente.
En canto ás comunidades autónomas, fronte ao mes anterior Cantabria convértese na comunidade que máis desemprego recorta, case un 10% do seu paro rexistrado. Aragón sobe lixeiramente a súa cifra de desempregados e en Canarias, Comunidade Valenciana, Estremadura, A Rioxa e Navarra estáncase a tendencia. Pero se se toma como referencia xullo do ano anterior é Baleares a auténtica campioa da destrución do paro rexistrado. Esta comunidade, tipicamente vinculada ao turismo, acumula uns rexistros do mercado de traballo moito máis positivo que o resto das rexións españolas. A outra comunidade que logra recortar lixeiramente o paro total é Catalunya.
En Galicia rexistráronse 10.080 novas afiliacións á Seguridade Social. Con todo, en termos interanuais en Galicia hai 29.280 cotizantes menos que hai 12 meses
Pola súa banda, a Seguridade Social subiu en 32.890 cotizantes, até os 16,4 millóns, o que supón unha tímida subida do 0,2%. Como é propio da época do ano, a hostalaría foi o sector que máis tirou da afiliación, con máis de 42.000 novos asalariados no mes. En Galicia rexistráronse 10.080 novas afiliacións á Seguridade Social, un 1,1% máis. Con todo, en termos interanuais en Galicia hai 29.280 cotizantes menos que hai 12 meses.
En termos interanuais, os asalariados son os que máis postos de traballo perderon, cunha caída do emprego de case o 4,37%. Así, os autónomos convertéronse no colectivo que mellor resiste a crise, con apenas un descenso do 0,59%. Só no mes de xullo, 4.369 traballadores por conta propia déronse de alta no réxime de autónomos.
Incremento da temporalidade e escasas afiliacións
Os indicadores de paro rexistrado "seguen a evidenciar o deterioro do mercado laboral en Galicia: aumenta o desemprego respecto do ano anterior e increméntase a temporalidade", segundo a CIG, que destaca que só o 5,7% dos contratos asinados no mes de xullo foron indefinidos. O sindicato tamén lembra que 121.405 persoas non cobran ningún tipo de prestación. Para a CIG esta situación "é consecuencia das políticas do Partido Popular, dunha reforma laboral que segue sen dar solución ao problema do paro e, nomeadamente, da inacción do goberno de Feijóo, que elude as súas responsabilidades mentres se desmantelan os nosos sectores produtivos".
A CIG considera que o descenso do paro en xullo "é de carácter estritamente estacional"
A central considera que o descenso do paro en xullo "é de carácter estritamente estacional". A estacionalidade da contratación evidénciase, segundo o sindicato, en que o descenso do número de desempregados se corresponde maioritariamente co sector servizos, xa que das 12.332 persoas paradas menos, o 68,9% (un total de 8.498) están neste sector. Tamén se constata o carácter estacional no tipo de contratos, pois dos 84.295 asinados, un total de 79.492 -o 94,3%- foron temporais.
Comisións Obreiras (CCOO) considera "positivo" o descenso do paro por quinto mes consecutivo, pero alerta da baixa cifra de afiliación á seguridade social. En opinión da secretaria de Emprego de CCOO de Galicia, Maica Bouza, estamos diante dun descenso do desemprego "claramente estacional", polo que haberá que agardar ao final do verán para comprobar a situación "real" do emprego no noso país. Dos datos de hoxe extrae dúas conclusións: por un lado, que a redución do desemprego non quere dicir que se cree emprego, tal e como reflicte a "desproporción" entre a baixada do paro (redúcese en máis de 12.000 persoas) e o incremento da afiliación (medra en 10.000 persoas). De feito, Galicia perdeu máis de 29.000 afiliacións á seguridade social no último ano.
Para CCOO, o descenso do paro rexistrado pode significar tamén un abandono do mercado laboral, "ben por desánimo, ben por suspensión temporal do contrato de traballo ou por asistencia a cursos de formación"
Para CCOO, o descenso do paro rexistrado pode significar tamén un abandono do mercado laboral, "ben por desánimo, ben por suspensión temporal do contrato de traballo ou por asistencia a cursos de formación". Á luz dos datos, Maica Bouza esíxelle á Xunta que os Orzamentos do 2014, que se están a elaborar, incorporen medidas para reactivar a actividade económica e, con ela, o emprego. Finalmente, a secretaria de Emprego de CCOO chama a atención sobre os efectos da persistencia da crise e do aumento do paro de longa duración: máis de cen mil persoas carecen xa de protección por desemprego. Por este motivo, esixe medidas que garantan a protección social, xunto con outras que estimulen a actividade, tales como unha reforma fiscal, incrementar o fluxo de crédito ou o apoio ao tecido produtivo.
UGT sinala que "a reforma laboral fracasa porque non consegue acabar coa dualidade na contratación, empeora a calidade do emprego e rompe o equilibrio das relación laborais a favor da parte empresarial"
Dende UGT-Galicia pídeselle ao Goberno "que non enganen máis á cidadanía e non fagan encaixe de bolillos coas estatísticas". UGT sinala que "a reforma laboral fracasa porque non consegue acabar coa dualidade na contratación, empeora a calidade do emprego, rompe o equilibrio das relación laborais a favor da parte empresarial, dándolle total liberdade á hora de acometer os despedimentos, e está a crear unha estrutura salarial cada vez máis prexudicial para os traballadores cunha caída en picado do peso das rendas do traballo, do 3,3 por cento en Galicia, a comunidade que rexistra o descenso máis forte".