O paro rexistrado en abril baixa en só 728 persoas en Galicia

Oficina de emprego CC-BY Adrián Estévez

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego en abril baixou en 728 persoas en Galicia con respecto ao mes anterior, o que supón un descenso do 0,25% e que sitúan a cifra total de desempregados en 290.459. A baixada é menor que no conxunto do Estado, onde o paro diminuíu en 46.050 cidadás, un 0,91% respecto de marzo, rexistrando así o seu segundo mellor dato nun mes de abril desde 2007.

O descenso do paro é do 0,25% en Galicia e do 0,9% en España

Con este descenso, o segundo seguido tras o de marzo, o paro volve baixar dos cinco millóns de persoas, ao situarse en 4.989.193 desempregados, segundo o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

Abril é un mes no que adoita descender o paro, aínda que na serie histórica, desde 1996, hai dúas subidas neste mes, as de 2008 e 2009, próximas cada unha delas ás 40.000 persoas. En abril de 2012, o paro baixou en 6.632 persoas, mentres que abril de 2011 marcou até agora o mellor dato neste mes, cun descenso de 64.309 parados.

No entanto, desde abril de 2012, o desemprego subiu en 244.958 persoas, un 5,16%. A secretaria de Estado de Emprego, Engracia Hidalgo, resaltou que desde maio de 2012 a taxa interanual do paro rexistrado reduciuse en 7,5 puntos. De feito, en maio do ano pasado, o aumento interanual do desemprego superou os 524.000 desempregados.

"Estamos a piques de completar un ano con datos mensuais de paro rexistrado mellores que os do mesmo mes do ano anterior e o Goberno seguirá traballando para conseguir o seu obxectivo de frear a destrución de emprego", asegurou Hidalgo, que engadiu que proba diso son as medidas que se adoptaron para o emprego xuvenil, as políticas activas e o envellecemento activo.

Galicia conta con 12.815 persoas máis anotadas no paro que hai un ano

O paro rexistrado reduciuse en 15 das 17 comunidades autónomas, entre as que destaca Andalucía (-18.430), Cataluña (-7.055) e Illes Balears (-6.535). No entanto, ascende en Canarias (4.152) e a Comunidade Valenciá (1.672). Galicia sitúase, deste xeito, como a décima comunidade na que máis baixou o paro en termos relativos. Con todo, na comparación interanual, a comunidade mostra un incremento do paro do 4,62%, o que supón que hai 12.815 persoas máis anotadas nas listas do desemprego que en abril de 2012.

O desemprego entre os menores de 25 anos, pola súa banda, experimentou un descenso do 0,91% no cuarto mes do ano, até situarse nun total de 20.593 persoas, das que 11.223 son homes e 9.370 son mulleres.

En canto á afiliación á Seguridade Social, a media en España é de 16.232.352 persoas, mentres que en Galicia o número de afiliados sitúase en  908.879, o que supón un descenso do -3,67% con respecto ao mesmo mes do ano pasado, 34.654 persoas menos.

Vista dunha oficina de emprego © Encomun.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.