O paro rexistrado volve subir en Galicia máis que a media do Estado

Xente nunha oficina de emprego en Galicia CC-BY-NC-SA CIG

Nin recuperación, nin emprego. Os datos do paro rexistrado confirman que haberá que agardar tempo para falar da fin da crise. Ou polo menos que lle pregunten antes aos 281.077 desempregados que hai en Galicia, segundo os datos que se tiran das oficinas dos Servicios Públicos de Emprego en xaneiro. O número de parados subiu en 10.014 persoas no primeiro mes do ano no país, o que supón un incremento do 3,7% respecto do mes anterior, un punto e pico máis que a suba no conxunto do Estado, que foi do 2,4% e que sitúa o número de desempregados rexistrados en 4.814.435. Son 113.097 máis que en decembro, a menor suba desde 2007, dato que xa se encargou de destacar o Goberno central.

Galicia ten 9.700 parados menos que hai un ano pero tamén 10.087 afiliados menos á Seguridade Social

O dato interanual, no entanto, revela que Galicia conta a día de hoxe con 9.713 parados menos que hai un ano, un 3,34% menos, unha caída porcentual idéntica á media estatal, onde hai 166.343 desempregados menos que en xaneiro de 2013. Pero é de novo o dato da afiliación á Seguridade Social o máis preocupante, xa que o país rexistrou unha media de 901.377 afiliados, o que supón 13.249 menos que o mes pasado (-1,45%) e 10.087 menos que hai un ano (-1,18%).

A poboación activa de Galicia xa supón menos dun terzo do número total de habitantes

Xa que logo, en Galicia a poboación activa supón xa menos dun terzo (algo máis do 32%) do total de habitantes do país: 901.377 persoas dos case 2,8 millóns de habitantes.

A diferenza entre o dato do paro e de afiliación non é pequeno: de máis de 3.000 persoas, o que indica que hai máis persoas cuxos postos de traballo desapareceron que persoas que se apuntaron nas oficinas de emprego. Isto pode ser debido a que moitos cidadáns renuncian a apuntarse ao paro -porque xa non o ven útil, teñen dereito a prestación ou porque traballan na economía paralela- ou porque abandonan a busca de emprego. De feito, tanto nos datos de paro rexistrado ultimamente como nos da EPA revélase que Galicia non fai máis que perder poboación activa: a poboación que busca emprego cae, xa sexa porque emigra, deixa o mercado laboral ou volve aos estudos.

O mesmo ocorre no conxunto do Estado, onde a Seguridade Social perdeu 184.031 afiliados en xaneiro con respecto ao mes de decembro, un descenso do 1,13%, o que deixa o número de adscritos ao sistema en 16.173.610 persoas, segundo os datos do Ministerio de Emprego.

Tan só en Estremadura, Euskadi e Asturias subiu o paro máis que en Galicia

 

O paro sobe en todas as provincias

En canto ao número de parados rexistrados, o desemprego sobe en todas as provincias galegas e unicamente en Pontevedra o incremento é menor á media do conxunto do país. A Coruña ten 4.228 parados máis (+4%); Lugo, 1.159 (+4,2%); Ourense, 1.381 (+4,7%) e Pontevedra, 3.246 (+3%). Ademais, Galicia volve situarse entre as comunidades autónomas onde máis sobe o paro neste mes de xaneiro. Tan só en Estremadura (+5,23%), Euskadi (+4%) e Asturias (3,82%) o incremento do desemprego foi maior en termos relativos neste primeiro mes do ano. 

Por sectores, o desemprego sobe en todos eles, pero especialmente en servizos, onde se concentran 8.157 dos novos parados rexistrados, o que indica a destrución de emprego tras a campaña de Nadal no comercio e na hostalería. O paro rexistrado tamén aumenta na agricultura (+79), industria (723), construción (928) e no colectivo sen emprego anterior (+127). Galicia destruíu uns 430 empregos ao día durante o primeiro mes do ano.

O sector servizos encabeza a lista do paro en Galicia, con 169.317 desempregados, seguido da construción (41.376), a industria (39.014) e a agricultura (9.817). Completan os 281.077 desempregados do país os que se inclúen no colectivo sen emprego anterior, e que superan as 21,500 persoas. Ademais, 137.527 dos parados rexistrados son homes e 143.550 mulleres. Máis de 17.500 destes desempregados son menores de 25 anos.

O 91,3% dos contratos asinados en xaneiro en Galicia foron temporais

Por outra banda, en Galicia asináronse 56.245 contratos durante o mes de xaneiro, case 3.500 máis que no mes anterior. Porén, o 91,3% deles foron temporais, fronte aos tan só 4.908 indefinidos.

Exterior dunha oficina de emprego © Encomun.es

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.