O paro segue a subir en Galicia mentres baixa no conxunto do Estado

Mobilización da CIG ante unha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

Galicia volve rachar a media e volve empeorar os datos do paro do conxunto do Estado. Mentres o número de desempregados en España baixou en 107.570 persoas en decembro -confirmándose a filtración de onte- a cifra aumentou en 209 persoas en Galicia, onde as afiliacións á Seguridade Social caeron en outras 2.000 persoas, ao tempo que os cotizantes se incrementaban en algo máis de 64.000 no Estado.

O desemprego aumenta en 209 persoas no país mentres descende en case 108.000 no conxunto de España

Ao igual que no pasado mes de novembro, Galicia acentúa a perda do seu diferencial positivo cos datos do conxunto de España. Desta vez, o país é unha das tres únicas comunidades autónomas onde se incrementa o paro, tan só superada por Cantabria e Navarra. Nos outros catorce territorios melloraron as cifras de desemprego. En canto a provincias, tan só sete teñen datos negativos no último mes, e tres delas son galegas: Lugo, Ourense e Pontevedra.

O paro en Galicia aumenta en agricultura (597), industria (661) e construción (1.871) e tan só descende no sector servizos (-2.379) e nos demandantes sen emprego anterior (-487), o que volve amosar a calidade do escaso traballo creado, vinculado xeralmente ás festas de Nadal, á temporalidade, ao comercio e á hostalería.

Galicia é unha das tres comunidades autónomas onde sobe o paro no Estado e tres das sete provincias onde aumenta son galegas

Xa que logo, o número de parados rexistrados nas oficinas de emprego en Galicia sitúase nos 271.063, o que supón un incremento do 0,08% con respecto ao mes anterior fronte ao descenso do -2,24% no Estado, onde a cifra global de cidadáns sen traballo rexistrados é de 4.701.338. En canto a hai un ano, o país tamén empeora os datos do conxunto de España: hai 7.724 parados galegos menos que hai un ano (-2,77%), mentres que a nivel estatal o descenso superou o 3% e supuxo un descenso en 147.385 desempregados.

Os datos de decembro en España supoñen o primeiro descenso anual desde 2006 e a caída é a maior neste mes dentro da serie histórica que empeza en 1996 e a segunda máis elevada en calquera mes. Os datos de afiliación, aínda que menos contundentes, tamén son positivos no Estado en decembro ao aumentar o número de afiliacións en 64.097 persoas, o que supón un incremento do 0,39%, o que sitúa a cifra total nos16.357.640. No entanto, a variación interanual indica que se perderon máis de 85.000 cotizantes no último ano, cun descenso do 0,52%.

Por provincias, en Galicia tan só na Coruña descende o desemprego, que se reduciu en 358 persoas durante o mes de decembro e en case 4.400 no último ano. En Lugo aumenta en decembro (+175) e descende con respecto a hai doce meses (-324), ao igual que en Ourense (+144 e -1.131) e Pontevedra (+248 e -1.879).

Por outra banda, en Galicia formalizáronse 293.596 contratos durante o ano 2013, dos cales tan só o 8% (23.571) foron indefinidos fronte ao 92% dos temporais (270.025), unhas cifras que coinciden coa media do Estado, onde o 7,6% dos contratos totais foron temporais.

Galicia perdeu máis de 2.000 afiliados á Seguridade Social en decembro e case 13.000 en todo o ano

 

2013 seguiu destruíndo emprego

É nas afiliacións á Seguridade Social onde Galicia volve destacar polos seus datos negativos, as cifras que indican con certeza se o emprego se recupera ou non. E non é o caso. O país perdeu de media 2.134 cotizantes no pasado mes de decembro (-0,23%), mentres que no último ano o descenso no número de afiliados é de 12.757 e un descenso de 1,38%, unha baixada porcentual tan só superada por catro autonomías que deixa o total en 914.626 cidadáns.

Daquela, Galicia conta con 7.724 parados rexistrados menos que hai un ano, pero ten 12.757 afiliados menos á Seguridade Social, unha diferenza dunhas 20.000 persoas que tan só se pode explicar pola emigración masiva ou pola desmotivación daqueles que deciden non inscribirse nas oficinas do antigo Inem. Unha mostra máis de que o emprego nin moito menos se recupera en Galicia, que continúa a perder cotizantes e traballadores que marchan na busca dun mellor futuro fóra da terra.

Milleiros de galegos desaparecen dos rexistros do paro porque deixan de buscar, emigran, volven estudar ou traballan en negro

Porque o mercado de traballo segue a destruír emprego, unha tendencia repetida durante os últimos meses. O paro rexistrado baixa (ou sobe como no caso de Galicia) pero a afiliación diminúe e, xa que logo, o emprego creado tamén. Aínda que son datos que se obteñen de xeito diferente, e non son exactamente comparables, a enorme diferenza entre uns e outros indica que son moitas as persoas que desaparecen dos rexistros do paro. E non porque atopen un traballo, senón porque abandonan a busca, porque emigran, porque volven estudar, porque traballan en negro ou porque xa non teñen incentivo ningún (como por exemplo o cobro de prestacións) para se apuntar.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Xente nunha oficina de emprego en Galicia CC-BY-NC-SA CIG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.