O paro sobe en Galicia en máis de 2.000 persoas en febreiro

Varias persoas ante unha oficina de emprego CC-BY-SA Adrián Estévez

O paro rexistrado segue subindo en Galicia.  O número de desempregados no país aumentou en 2.033 persoas no pasado mes de febreiro, polo que as persoas demandantes apuntadas ás oficinas de emprego son xa 292.823, segundo os datos facilitados polo Goberno central. O incremento é do 0,7% con respecto ao mes de xaneiro, fronte á media do 1,29% no conxunto do Estado, e sitúa a comunidade moi perto da barreira dos 300.000 parados.

O incremento do paro no último mes é inferior á media estatal, pero o aumento con respecto a hai un ano é semellante

En canto á variación interanual, en Galicia hai na actualidade 18.148 parados máis que hai un ano, o que supòn un incremento do 6,61%, semellante ao do Estado, que se sitúa no 6,96% no último ano. Por provincias, o paro rexistrado aumentou en febreiro un 0,93% na Coruña, un 1,15% en Lugo, un 0,22% en Ourense e un 0,49% en Pontevedra.

Galicia situouse no mes de febreiro como unha das comunidades onde menos subiu o paro, aínda que superada por datos máis positivos en Estremadura, Cataluña, Canarias e Asturias. En canto á variación interanual, o incremento do número de desempregados é maior ao de Galicia en todas as autonomías agás nas Illes Balears, Canarias, Cataluña, Comunitat Valenciana e Murcia.

Ademais, o país perdeu durante o último ano 36.979 afiliados á Seguridade Social, o que supón un descenso do 3,91%. Así, o total de ocupados situouse no país en 909.290 cotizantes a finais do mes de febreiro.

O número de parados rexistrados no Estado subiu en case 60.000 persoas en febreiro e supéranse xa os cinco millóns

No conxunto do Estado, o número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) subiu en 59.444 persoas en febreiro, un 1,29% máis respecto a xaneiro, o que situou a cifra total de parados en máis de cinco millóns de persoas, novo récord do rexistro.

Así, o desemprego alcanzou ao peche de febreiro a cifra de 5.040.222 persoas, o seu nivel máis alto en toda a serie histórica comparable, que arrinca en 1996, segundo vén de informar este luns o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

Malia isto, a suba do desemprego en febreiro deste ano é a menor neste mes desde 2008, cando o desemprego aumentou en 132.378 desempregados. En 2009, o paro incrementouse en febreiro en 198.838 persoas; en 2010 fíxoo en 82.132 persoas; en 2011 aumentou en 68.260 parados, e en 2012 subiu en 112.269 desempregados.

Nun ano, desde febreiro de 2012, o desemprego subiu en España en 328.124 persoas, case un 7% (6,96%), un dato negativo que, no entanto, destaca a secretaria de Estado de Emprego, Engracia Hidalgo, que asegura que se manténn "un mes máis" a tendencia de ralentización do aumento do paro rexistrado. Desde o incremento interanual do 13% alcanzado en maio de 2012 pasouse a menos do 7% neste pasado mes, apunta o Goberno.

Segundo os datos do Ministerio de Emprego, o paro subiu en febreiro en ambos os dous sexos, aínda que algo máis entre os homes, e aumentou en todos os sectores. Ademais, e en canto á contratación, no pasado mes rexistráronse no antigo Inem 949.844 contratos, un 4% menos que en febreiro de 2012. Destes, 91.584 eran indefinidos, cifra equivalente ao 9,6% do total e un 5% inferior á do mesmo mes de 2012.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Vista dunha oficina de emprego © Encomun.es
Paro rexistrado por comunidades autónomas © Ministerio de Emprego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.