O paro volve subir en Galicia, que conta con 2.106 desempregados máis

Oficina de emprego CC-BY-NC-SA UGT

Galicia conta con 2.106 desempregados máis en setembro con respecto ao mes anterior, o que supón un incremento do 0,82% nunha nova suba do paro logo de catro meses de descensos. Segundo os datos feitos públicos polo Ministerio de Emprego, o número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego no país situouse en 259.373.

O incremento do paro en Galicia en setembro foi algo menor ao da media estatal, pero a variación interanual segue sendo superior

A variación mensual é menor á media estatal, onde o paro medrou no último mes un 1,72% en relación a agosto, con 79.645 desempregados máis en setembro e unha cifra de parados que supera de novo os 4,7 millóns de persoas, logo de tres meses por baixo desta barreira no Estado. En canto á variación interanual, Galicia tiña en setembro 26.455 parados máis que hai doce meses, o que supón un incremento do 11,36%, un chisco superior á media de crecemento estatal, situada no 11,32%.

En canto á situación en Galicia, case 20.000 dos desempregados galegos son menores de 25 anos, mentres que o desemprego baixa en todos os sectores menos en servizos, onde sube en preto de 4.000 persoas, logo da rescisión de contratos asinados para o verán.

Case 20.000 desempregados son menores de 25 anos, mentres que o 90% dos contratos asinados en setembro foron temporais

Máis aló de datos cuantitativos, cómpre destacar que máis do 90% dos contratos asinados en Galicia en setembro non foron fixos. Concretamente, dos 61.000 contratos asinados durante o pasado mes, máis de 56.000 foron temporais, outro dato máis que indica a situación de precariedade do emprego no país.

No conxunto do Estado, o paro subiu en 15 das 17 comunidades autónomas, sendo especialmente destacado o incremento en Asturias e Cantabria, con aumento do 5,53 e do 5,21%, respectivamente, mentres que descendeu tan só en Castela-A Mancha (-3,54%) e A Rioxa (-3,12%). En Canarias, pola súa banda, os datos son case idénticos, cunha lixeira suba do 0,05%.

Ante estes datos, a secretaria de Estado de Emprego, Engracia Hidalgo, destacou que a suba de setembro, aínda que non pode considerarse "positiva", é "sensiblemente menor" á rexistrada hai un ano, polo que xa "se encadean catro meses nos que o paro se comporta mellor que en 2011".

En canto á Seguridade Social, a afiliación caeu no Estado en 86.174 persoas en setembro con respecto ao mes anterior, o que sitúa o total de adscritos ao sistema en 16.809.803, logo de dous meses consecutivos de descensos. En Galicia, pola súa banda, o descenso medio foi de 7.879 afiliados, unha caída do 0,82% que deixa o total de cotizantes en 951.775 no país.

Paro rexistrado por comunidades autónomas © Ministerio de Emprego
As oficinas de emprego están cheas de mozos e mozas na procura de traballo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.