O paro volve subir en Galicia tras o espellismo do verán

Manifestación nunha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

Rematou o verán e rematou o espellismo. O paro rexistrado aumentou en Galicia en 3.209 persoas, até situarse nos 260.733 desempregados, o que supón un incremento do 1,25% con respecto ao mes pasado, superior ao aumento medio do conxunto do Estado, que é do 0,54% e de 25.572 parados máis. Así se tira dos datos feitos públicos este mércores polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social, que confirman o final da xeira de varios meses consecutivos de descenso.

Galicia conta con 1.360 parados máis que hai un ano e con 3.209 máis que hai un mes

O aumento no número de parados en Galicia é semellante ao descenso do pasado mes de agosto. Se agora o número de desempregados aumenta en 3.209 persoas, hai un mes descendera en case 3.600 pola temporada de verán. Ademais, no país hai 1.360 parados máis que hai un ano, o que supón un incremento do 0,52%.

O resultado é o esperado do final da época estival, máis aínda se se debullan uns datos que aclaran que todos os novos parados galegos proceden do sector servizos, onde o desemprego aumentou en case 5.000 persoas (4.946). Pola contra, descendeu na agricultura (-385 persoas), industria (-327), construción (-975) e incluso no colectivo sen emprego anterior (-50 parados menos).

Todos os novos parados galegos proceden do sector servizos e tan só o 7% dos contratos asinados foron indefinidos

O número de contratos formalizados en setembro aumentou en 4.428, un 6,85% máis que en agosto, até un total de 69.101. Destes contratos, a maioría son de carácter temporal (92,9%), fronte ao só o 7,1% de indefinidos. Precariedade, temporalidade e estacionalidade. Por provincias, o maior aumento relativo do paro produciuse en Lugo, cun incremento do 2,25% e 608 desempregados máis, seguida por Pontevedra, (+1,26% e 1.277 parados máis), A Coruña (+1,16% e 1.189) e Ourense (+0,62% e 228).

Ademais, o emprego en Galicia caeu fundamentalmente entre as mulleres, cun incremento do 2,39%, até as 135.954 paradas. No entanto, o aumento do desemprego foi mínimo entre os homes, con tan só 38 persoas máis, até un total de 124.779. Os parados menores de 25 anos rexistrados son xa de case 16.000, un 2,45% máis que en agosto.

No país hai 147.680 perceptores de algún tipo de subsidio por desemprego en Galicia. A maior parte deles, máis de 75.000, reciben unha prestación contributiva, mentres que 60.700 ingresan un subsidio e case 12.000 unha renda activa de inserción.

 

O Estado e a Xunta insisten no optimismo

O Goberno central, como xa se agardaba, destaca que é o mellor comportamento do paro rexistrado nun mes de setembro desde 2007, ao mellorar en 10.000 persoas a variación media desta época e logo de que no noveno mes de hai un ano o número de desempregados aumentase en case 80.000 persoas. Nada se di, outra vez, da emigración e do desánimo de milleiros de traballadores que desisten de apuntarse nas oficinas de emprego

Para Mariano Rajoy, presidente do Goberno, o dato é "o mellor en setembro desde hai moitos anos no noso país", mentres que o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, cre que as cifras, "aínda que negativas, marcan un cambio de tendencia na economía" e asegura que o deterioro do emprego "está chegando á súa fin".

Por outra banda, a Xunta recoñece que o dato do paro "non é positivo", pero recorda -reproducindo o argumentario do Executivo de Mariano Rajoy- que o incremento do desemprego neste mes de setembro, xunto co de 2012, é o máis baixo desde 2008. Así, a directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, fixo fincapé tamén no dato interanual, que é o mellor desde 2007, para acabar asegurando que, no que vai de ano, o descenso na cifra de parados é de máis de 18.000 en Galicia.

Xente nunha oficina de emprego en Galicia CC-BY-NC-SA CIG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.