O peche de empresas non amaina malia aos anuncios de "recuperación económica"

Operario nunha factoría galega © Xunta

Hai meses que os argumentarios gobernamentais insisten en asegurar que "o peor xa pasou". Mentres os denominados plans de reformas seguen marcando o guión do que está por vir dende Madrid e Compostela os pretéritos xermolos verdes son agora substituídos pola "luz ao final do túnel", nos discursos máis ousados, ou por apelacións á "recuperación económica" que está por vir, nos relativamente prudentes. Uns e outros apoian estas aseveracións na saída técnica da recesión económica e nunhas previsións orzamentarias que falan de lixeirísimos crecementos económicos, foi afastados dos niveis que dan lugar á creación de emprego. Nestas proclamas é tamén un lugar común ollar cara á creación de empresas como vía de saída da crise, indicador que, cos datos na man, segue sen entender de luces nin recuperacións.

O Instituto Galego de Estatística analiza mes a mes a información procedente do Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME) e, entre a información que tira, está a relativa á creación e disolución de sociedades. Unha ollada a estes números permite coñecer que o ritmo de creación destes entes mercantís recuperou levemente nos últimos anos, sobre todo en comparación cos primeiros anos da crise. Sendo isto certo, non o é menos que a disolución de sociedades non deixou, polo momento, de aumentar en Galicia, ata o punto de que a finais de novembro xa botaran o ferrollo máis que en todo 2012.

Ata o 30 de novembro xa se disolveran máis sociedades mercantís que en todo 2012

Nomeadamente, ata o 30 de novembro disolvéranse en territorio galego 1.751 sociedades mercantís, un 9,6% máis que nos doce meses do pasado ano, cando pecharon 1.598. O incremento no número de disolucións é mesmo un chisco maior que o experimentado en 2012 a respecto de 2011, ano no que se disolveron 1.466 sociedades mercantís no país. As disolucións do ano 2010 foron 1.342, en 2009 producíronse 1.134 e en 2008 quedaron en 1.022.

No que atinxe á constitución de novas sociedades a cifra aínda está moi lonxe do acadado no inicio do período analizado, en 2008, cando se crearon 5.425. Un ano máis tarde ese indicador xa caera case un 30%, ata as 3.836 do ano 2009. As creacións foron subindo paseniño e en 2010 foron 4.040 as sociedades creadas, en 2011 chegaron a 4.086 e en 2012, 4.228. Ata o 30 de novembro constituíranse 3.969 sociedades mercantís en Galicia, o que fai agardar que a cifra final sexa semellante á do ano anterior.

Operario nunha factoría galega © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.