O persoal de Alcoa fará folga polo despedimento dun traballador tras un grave accidente laboral

Factoría de Alcoa en San Cibrao Dominio Público CIG

O pasado 20 de xuño un traballador dunha das empresas auxiliares da factoría de Alcoa en San Cibrao (Reymogasa) sufriu feridas de gravidade, tendo que ser ingresado na Unidade de Queimados del Hospital Universitario da Coruña, onde tivo que permanecer dous meses, quedando afectado o 85% do seu corpo. O operario queimouse con condensado de vapor procedente dunha válvula "pantasma", que o Comité de Empresa asegura que non figuraba nos planos, sendo instalada hai cinco anos unicamente para a realización dunhas probas. A válvula -que sempre permanece pechada- abrírase 15 días antes para facer novamente probas e quedou aberta, provocando o accidente.

"Priorízase a produtividade por riba de calquera outra consideración, en especial da seguridade", denuncia o Comité de Empresa

Nos días seguintes ao sinistro, o persoal da factoría convocou varias mobilizacións para esixir maior seguridade no desenvolvemento do seu traballo. Ás graves queimaduras sufridas polo devandito empregado, uniuse outro accidente no que outro traballador rompera varias costelas. "Nos dous accidentes a causa raíz está en que se prioriza a produtividade (máis produción con menos horas de traballo), por riba de calquera outra consideración, en especial da seguridade", afirmou o Comité de Empresa nun comunicado. "O que antes facían quince traballadores en dez días, hoxe téñeno que facer dez homes en tres días", engadían. As varias concentracións e unha manifestación que tivo lugar a comezos de xullo lembraron tamén o compañeiro (tamén de Reymogasa) falecido en abril, un home de 55 anos que quedou atrapado por unha pesada máquina.

Nos últimos días a situación deu un importante xiro cando a empresa anunciou o despedimento dun traballador ao que responsabiliza do accidente que tivo lugar en xuño e que provocou as duras queimaduras a outro dos obreiros. Outro empregado, ao que tamén se lle abriu expediente tralo sinistro, foi finalmente amoestado. O pasado 17 de agosto o Comité de Empresa convocou unha manifestación en protesta polo despedimento, acusando a compañía de empregar este traballador como "cabeza de turco". Este martes o persoal da factoría, reunido en asemblea, acordou por unanimidade convocar dous días de folga, o 1 e 2 de outubro.

O Comité acusa a empresa de non ter en conta as súas reclamacións para incrementar as medidas de seguridade e de usar o traballador despedido como "cabeza de turco"

O Comité acusa a empresa de non ter en conta as súas reclamacións para incrementar as medidas de seguridade, unhas propostas que estaban contidas nun informe que hai varias semanas remitiron a Inspección de Traballo, ao presidente de Alúmina e ao de Alcoa España. Ademais das dúas xornadas de paros, o Comité de Empresa tomou outras decisións, coma a apertura dunha caixa de resistencia para apoiar o seu compañeiro despedido, non realizar horas extraordinarias ou non levar a cabo cambios de quenda a petición da empresa.

 

Factoría de Alcoa en San Cibrao Dominio Público CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.