O persoal de Alcoa pide cautela sobre "rumores" de venda e lembra que o Estado pode intervir empresas

Mobilización de persoal de Alcoa na Coruña © CCOO-Galicia

Os traballadores de Alcoa na planta da Coruña volvéronse concentrar este venres fronte á factoría no polígono da Agrela. Pendentes de definir as mobilizacións e as datas nas que as levarán a cabo nos vindeiros días, o Goberno central continúa a negociar con investidores e o persoal agarda axiña a decisión sobre a denuncia presentada ante a UE polo ERE, que continúa enriba da mesa e cuxa paralización é agora o obxectivo primordial.

De non paralizarse, ben por que a empresa o decida para negociar unha alternativa, ben por que o decida a propia UE, en decembro faríase efectivo ese expediente de regulación de extinción que poría na rúa 369 traballadores, algúns menos dos ameazados tamén na planta da multinacional estadounidense en Avilés. 

O persoal de Alcoa pide cautela respecto dos investidores e "non falar á lixeira" mentres só haxa "rumores"

O delegado do Goberno central en Galicia, Javier Losada, insistiu este venres en que o Executivo está a traballar na busca de investidores para as plantas coruñesa e asturiana, tal e como avanzara xa a ministra de Industria, Reyes Maroto, nos últimos días. Con todo, desde o comité de empresa chámase á cautela. "Sabemos que hai interese de grupos en varias plantas, pero de aí a que poida haber unha proposta formal, con plans de investimento e de mantemento de emprego... Non se pode falar á lixeira mentres aquí seguimos con todo este sufrimento pera levantar a situación, que é o que está por riba de todo", di a Praza.gal Juan Carlos López Corbacho, o seu presidente. 

"Polo momento, todo son palabras e rumores, pero xa levamos moitos anos escoitando cousas", insiste quen cre que o labor de negociar ou buscar investidores correspóndelle ás administracións, "ao Goberno central e á Xunta", aos que empraza a presionar porque, lembra, "a empresa non se presta polo momento a falar de venda". "Non podemos valorar hipóteses", engade quen recoñece que a propia ministra lles advertiu do interese de varias firmas.

O comité de empresa de Alcoa lembra ao Goberno que a Constitución permite intervir empresas por interese xeral

Para López Corbacho, o ideal sería que administracións, compañías interesadas e a propia Alcoa artellasen unha solución para continuar coa actividade industrial e os psotos de traballo, pero tamén lembra que "o Goberno ten posibilidades se isto non é posible aplicando o artigo 128.2 da Constitución". Refírese ao que recoñece "a iniciativa pública na actividade económica", a posibilidade "mediante lei" de "reservar ao sector público recursos ou servizos esenciais", así como "acordar a intervención de empresas cando así o exisise o interese xeral". 

Non suporía, aclara, que o futuro da planta tivese que estar "baixo a SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais) eternamente", pero si cre que "se hai que salvagardar un sector estratéxico, poderíase botar man desta facultade constitucional de haber un enquistamento nas posicións". "O ideal é sentarse e buscar solucións de consenso e que Alcoa estivese na mesa colaborando, pero se isto non é posible, o Executivo ten potestade dabonda e lexislación para buscar solucións", insiste. 

"O ideal é sentarse, buscar solucións de consenso e que Alcoa colabore, pero se non é posible, o Executivo ten potestade e lexislación para buscar solucións"

Por último, e respecto das vindeiras mobilizacións, os traballadores e traballadoras de Alcoa están á espera de futuras respostas, tanto do Estado no que ten que ver nas negociacións como da UE respecto da denuncia presentada, para fixar un calendario. O que é seguro é que estarán o vindeiro día 8 en Avilés apoiando os compañeiros de Asturias e que seguirán coas protestas en Galicia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.