O persoal de Ferroatlántica ultima as alegacións ao informe da Xunta sobre a petición de Villar Mir

Persoal de Ferroatlántica no Parlamento, nun encontro con Pontón tras atopárense con Feijóo © CIG

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deitou nos técnicos, e non no seu Goberno, a responsabilidade de decidir sobre a petición de Ferroatlántica de separar a súa actividade de produción eléctrica da de produción de metal na Costa da Morte para poder vender as centrais. Os funcionarios preparan o informe que determinará a decisión do Executivo ante a petición da empresa do grupo Villar Mir, logo de que lle solicitase formalmente á Administración o levantamento do veto á separación das súas actividades de ferroaliaxe en Cee, Dumbría e Sabón das hidroeléctricas que explota nos ríos Xallas e Grande. Ao tempo, o comité de empresa prepara xa as alegacións a este documento -que debería estar listo a vindeira semana- en previsión dunha resposta favorable á petición da compañía.

O comité de empresa prepara xa alegacións ao informe da asesoría xurídica

Os representantes dos traballadores, en colaboracións con asesores dos sindicatos, apuran a documentación que presentarán en canto a asesoría xurídica da Xunta se pronuncie respecto do expediente de solicitude presentado por Ferroatlántica ante Augas de Galicia. "Non temos novidade ningunha do Goberno galego, a súa postura non mudou", confirman desde o comité, que está "á espera" dunha resolución na que non confían. Ante o máis que posible visto e prace á segregación -e dado que Feijóo deixou claro que serán os funcionarios os que marquen a decisión- o cadro de persoal prepárase para argumentar na contra do que suporía unha mudanza na condición das concesións. 

O comité insiste en lembrar que Ferroatlántica "explota recursos naturais de Galicia, beneficiándose de concesións públicas que están supeditadas ao mantemento e xeración de postos de traballo" e lembra que a declaración de utilidade pública foi a "base para a expropiación forzosa de terreos para a construción das centrais hidroeléctricas". 

Os alcaldes da comarca e os traballadores manteñen a fronte común en contra da segregación das actividades

Nun manifesto común asinado polos concellos da comarca e polo comité de empresa, insístese en solicitarlle á Xunta e á empresa que "desista das súas intencións de venta das centrais" e que calquera plan industrial, investimentos e creación de emprego no futuro "non estean supeditados en ningún dos casos á venda das centrais hidroeléctricas nin á segregación de actividades". Precisamente, e respecto do apoio das administracións locais, o cadro de persoal asegura que "non hai fisura ningunha" na unidade arredor da postura conxunta, malia que hai fontes que advirten de posibles futuras fendas pola presión empresarial. 

Hai prevista unha folga de 24 horas nas fábricas e nas centrais para o vindeiro 8 de xullo

Polo momento, a fronte común de alcaldes e traballadores é sólida e os rexedores de Dumbría, Cee, Vimianzo, Mazaricos, Carnota, Corcubión, Fisterra, Muxía, Zas e Camariñas xa amosaron o seu apoio a unha nova xornada de folga de 24 horas nas fábricas e nas centrais prevista para o vindeiro sábado 8 de xullo. Ese mesmo día está prevista tamén unha manifestación en Compostela para "trasladar á Xunta o clamor unánime da comarca á segregación das actividades e á venda das centrais" e chaman á cidadanía a "demostrar que a comarca nin está disposta a someterse á chantaxe de Villar Mir nin vai tolerar que o Goberno galego cometa unha ilegalidade e unha inxustiza coa bisbarra". Alén disto, varios traballadores realizarán en varias etapas unha marcha a pé dende a fábrica de Brens até Santiago; comezará o día 5 en Cee e te previsto chegar á capital galega o sábado á mañá.

Manifestación contra a venda das centrais de Ferroatlántica CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.