O persoal da empresa de produtos conxelados Hiperxel sofre desde hai meses atrasos no cobro dos salarios por problemas de tesourería. Así o denuncian nun comunicado conxunto os sindicatos CIG, CCOO e UGT, que advirten que o problema esténdese tamén ás empresas provedoras e á conseguinte falta de mercadoría nas tendas.
As traballadores e traballadores de Hiperxel cualifican de "incerteza máxima" a súa situación por "non ter información clara e fiable por parte da empresa" que, din, limítase a anunciar a súa intención de "reflote" da compañía sen dar "ningún tipo de garantía" e logo de varios cambios de titularidade.
"Están pedindo un esforzo extra a un persoal que a día de hoxe xa non ten nin esforzo nin ánimo que ofrecer a empresa, máis aínda cando non se lles da información fiable e suficiente", aclara o persoal no comunicado conxunto dos sindicatos.
O persoal denuncia atrasos nas nóminas e falta de mercadoría desde hai seis meses nas tendas de Hiperxel, propiedade do grupo Vinova desde o pasado verán
No mesmo escrito, os traballadores lembran que a compañía, antiga filial de venda minorista do grupo Iberconsa, é desde xullo de 2021 propiedade do grupo Vinova, na que se integra tamén a marca Conxelados Cíes. Este grupo levou a cabo o pasado mes de abril unha ampliación de capital por 4,8 millóns ata completar 7 millóns. Foi a partir dese mes cando "comezou a situación de atraso nas nóminas e falta de mercadoría nas tendas", segundo o persoal. Case seis meses co problema.
"Non podemos máis que seguir indo traballar sen saber cando cobraremos ou cando e como rematará esta situación pola estamos atravesando", engade o persoal, que valora as "accións a emprender" para "mostrar a problemática o máximo posible e tratar de frear as consecuencias negativas de tal situación".