A xuíza permitirá que as ofertas que se presenten propoñan que parte do cadro de persoal están dispostas a asumir xa que di que do contrario podería desaparecer todo o xornal
O xulgado encargado do concurso de acredores de Editorial Compostela, empresa editora de El Correo Gallego, vén de aprobar o procedemento de liquidación dos seus bens, nomeadamente dos encargados da produción do xornal. A empresa presentou no seu momento no xulgado unha oferta vinculante de compra por parte dun terceiro, pero a xuíza di que “hai máis dunha entidade do mesmo sector que cando menos manifestou o seu interese”, polo que opta por un sistema de venda que permitirá a presentación de máis ofertas. Nestas cada ofertante poderá propoñer asumir ou non unha parte do cadro de persoal e non a totalidade, como reclamaban os traballadores, xa que a xuíza considera que iso podería facer inviable toda a operación.
Segundo a xuíza, as posibles empresas interesadas serían “medios de gran difusión no mesmo ámbito xeográfico e dedicadas á mesma actividade”
Segundo a xuíza, as posibles empresas interesadas serían “medios de gran difusión no mesmo ámbito xeográfico e dedicadas á mesma actividade”. Porén, di, impoñer a quen adquira El Correo Gallego que asuma a totalidade do persoal, isto é, a “sucesión de empresa plena”, “suporía a imposibilidade de vender a unidade produtiva e polo tanto a desaparición do tecido empresarial e dos empregos da concursada na súa totalidade”.
A xuíza admite que deixar en mans das ofertantes canto persoal están dispostas a asumir “tristemente non garante co mesmo alcance os dereitos dos traballadores aos que non se estenda a sucesión da empresa”. Pero engade que “o certo é que impoñer esta en toda a súa extensión en casos como o presente tampouco os beneficiaría, porque só determinaría o previsible fracaso da venda”.
Pola contra, argumenta a maxistrada, “limitar a sucesión de empresa a aqueles traballadores que no seu caso o oferente inclúa [...] facilitará en maior medida que se produza a venda, saíndo eses traballadores beneficiados e non resultando prexudicados os traballadores excluídos porque están na mesma situación que se esta non se producira”.
Agora a xuíza dá dez días para que se presenten as posibles ofertas interesadas, que “deben ir acompañadas dun depósito de 20.000 euros (aproximadamente un 10% da oferta vinculante)”. A xuíza non o detalla expresamente, pero iso suporía que a oferta vinculante de compra que Editorial Compostela presentou no xulgado cando pediu o seu concurso ascendería a uns 200.000 euros.
Cando hai un mes se fixo público o concurso de acredores de Editorial Compostela, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, ademais de criticar a xestión da empresa ata agora, reclamou “que o concurso de acredores se resolva co pagamento íntegro de todas as nóminas debidas aos traballadores”.
El Correo Gallego é unha das cabeceiras máis antigas da prensa galega e estatal, fundada en Ferrol en 1878 e trasladada en 1938 a Santiago de Compostela.