Un xulgado inicia o concurso de acredores e di que a sociedade presentou unha “proposta escrita vinculante de adquisición” por parte doutra empresa, mentres que o colexio reclama que se priorice o persoal no cobro das débedas
Editorial Compostela, empresa editora do xornal El Correo Gallego, con sede en Santiago, vén de solicitar a súa liquidación ante as elevadas débedas que arrastra desde hai anos. A súa insolvencia xa foi acreditada polo xulgado do Mercantil número 2 da Coruña, que este mércores declarou o concurso de acredores voluntario da empresa.
Ante a desaparición da empresa, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia reclama que o persoal sexa priorizado á hora de cobrar “as numerosísimas nóminas” que se lles deben “por culpa dunha nefasta xestión empresarial”.
Segundo o auto do xulgado que establece o concurso voluntario, todos os acredores da empresa deberán comunicar ao administrador concursal que designou as súas correspondentes débedas no prazo dun mes desde que se publique o propio auto no Boletín Oficial del Estado. O propio auto suspendeu xa “as facultades de administración” e cesou os administradores da empresa.
“Mentres as e os comunicadores mantiñan o exercicio do xornalismo durante meses sen cobrar, os responsábeis da xestión simplemente afondaron na crise do periódico", di o Colexio de Xornalistas
O documento tamén sinala que a propia empresa, na súa solicitude de liquidación, presentou unha “proposta escrita vinculante de adquisición da unidade produtiva en funcionamento”, isto é, a cabeceira do xornal, que de concretarse seguiría a ser editado por outra empresa. Pero será a administración concursal a que decida como se reparten os restos da actual empresa entre todos os seus acredores, incluídos os traballadores.
Desde o Colexio de Xornalistas emitiuse este xoves un comunicado no que se sinala que Editorial Compostela, “que tiña as contas saneadas en 2004, entrou nas últimas décadas nunha política de investimentos coa que sumou abundantes débedas que foron medrando ao longo dos anos”. Segundo o colexio profesional, “o cadro de persoal sofre neste momento a falta de pagamento de numerosas nóminas, ao que cómpre sumar outras débedas con provedores, empresas ou a administración”, unha situación que atribúe á “nefasta dirección empresarial”. “Mentres as e os comunicadores mantiñan o exercicio do xornalismo durante meses sen cobrar, os responsábeis da xestión simplemente afondaron na crise do periódico, dificultando a supervivencia da cabeceira e do seu papel dentro do ecosistema mediático galego”.
Ante esta situación, o colexio reclama “que o concurso de acredores se resolva co pagamento íntegro de todas as nóminas debidas aos traballadores”. “Resultaría completamente inaceptábel que as persoas que mantiveron o xornal co seu esforzo non recompensado visen agora unha vez máis relegados os seus salarios”, di, ao tempo que expresa o seu desexo de “que se poida manter unha cabeceira histórica como El Correo Gallego e que unha nova dirección, responsábel, manteña os postos de traballo cunhas condicións dignas no futuro”.
El Correo Gallego é unha das cabeceiras máis antigas da prensa galega e estatal, fundada en Ferrol en 1878 e trasladada en 1938 a Santiago de Compostela.