O persoal pide "valentía" ao Estado para "intervir" Alcoa tras mobilizarse ante a Torre de Hércules

Mobilización contra o peche de Alcoa na Torre de Hércules Dominio Público @PSOE_Coruna

Centos de persoas, traballadores e cidadanía, concentráronse na mañá deste sábado ao pé da Torre de Hércules en contra do peche das plantas da multinacional do aluminio na Coruña e en Avilés. Os operarios coas súas camisetas laranxas, veciñanza e representantes políticos e sindicais protestaron contra a intención da empresa que podería deixar na rúa 370 persoas, ademais do efecto que tería sobre firmas auxiliares. 

O persoal pide á empresa que retire o ERE ou ao Goberno que llo tombe por "vulnerar a normativa"

Reclamaron unha vez máis "enerxía solución" e dixeron "non" ao peche de Alcoa cunha grande pancarta. O persoal da fábrica insistiu en reclamar á compañía que retire xa o ERE extintivo ou que sexa o Goberno central quen o tombe por "vulnerar a normativa" e lle comunique que "ten que cumprila". 

Así o dixo Juan Carlos Pérez Corbacho, presidente do comité de empresa, que foi máis aló ao pedir ao Estado medidas contundentes. Comom xa fixera nalgunha outra ocasión, lembroulle ao Executivo central que ten mecanismos legais para intervir a compañía ao ser un "sector enerxético" no que Alcoa opera como un "monopolio" coas súas fábricas en España e no caso de que insista en non negociar xunto a administracións e sindicatos. Así, propuxo que de darse esa situación se forme unha mesa para intervir durante 18 meses as factorías. 

"Xa non vale conceder certas axudas sen compromiso de permanencia; non se pode permitir máis isto a xente que vén extorsionar"

"Máis claro, auga", dixo Corbacho, que aclara que a solución final non pode ser conceder axudas a curto prazo aínda que confía en que as compensacións premitidas polo Goberno sirvan para que Alcoa retire o ERE e negocie. "Xa non vale conceder certas axudas sen compromiso de permanencia e a partir de agora xa non se pode permitir máis isto a xente que vén extorsionar", engadiu. 

Ademais, Julio Moskovich, representante no comité de empresa da CIG, reclamou "valentía" ao Executivo central e insistiu tamén na "intervención" das fábricas. 

Mobilización contra o peche de Alcoa na Torre de Hércules Dominio Público @TraballadoAlcoa
CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.