- ACTUALIZACIÓN 11/10/20 | A Fiscalía rebaixa a petición de cadea a 10 meses porque a muller puido recuperar os cartos
A Audiencia Provincial de Lugo xulga a partir do martes uns feitos de 2009, cando os dous acusados supostamente falsificaron a autorización da afectada para mercar participacións por 110.000 euros
“Postos de común acordo e a sabendas da súa falsidade configuraron un contrato de emisión de participacións preferentes no que se reflectía que [a prexudicada, unha muller de 77 anos] adquiría os valores con coñecemento das condicións e os riscos reais da operación”. Así acusa a Fiscalía de delitos de estafa e falsidade, polos que pide cinco anos de cadea para cada un, a quen en 2009 eran o director e a subdirectora da oficina de Caixa Galicia en Carballedo, que segundo o seu relato lograron que a muller adquirise participacións preferentes por valor de 110.000 euros que non recuperou.
Máis dunha década despois, os xulgados seguen a emitir sentenzas e analizar casos relacionados co xeito en que as caixas galegas colocaron participacións preferentes entre poboación descoñecedora do risco que perdeu millóns de euros. Boa parte dos casos limítanse a certificar que os compradores non era coñecedores do que estaban a mercar, pero tamén hai casos nos que o procedemento de venda por parte do persoal das caixas é mesmo considerado delito por parte da Fiscalía, como o que a Audiencia Provincial de Lugo comezará a xulgar este próximo martes.
A Fiscalía di que os acusados actuaron "de común acordo e inspirados polo ánimo de obter un lucro para a entidade Caixa Galicia"
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, os acusados “gañaron a confianza” dunha clienta que en 2009 contaba con 77 anos e que “carecía de coñecementos específicos sobre a materia e confiaba na solvencia profesional” dos empregados de Caixa Galicia. “Ao longo do ano 2009 e aproveitando ese clima de confianza os acusados, postos de común acordo e inspirados polo ánimo de obter un lucro para a entidade Caixa Galicia, ofreceron [á muller] a posibilidade de colocar parte dos seus aforros nunha conta da entidade para así obter uns xuros maiores dos que estaba percibindo”, di o escrito de acusación da Fiscalía, que engade que “o fixeron a través de conversas telefónicas, asegurando á prexudicada que se trataba de destinar o diñeiro nun depósito con total liquidez –de xeito que podería dispoñer del á súa vontade-, cunha maior rendibilidade -cuns xuros dun 7,5% anual- e ocultando o risco que implicaba a operación”.
“En realidade a operación consistía en adquirir uns valores denominados participacións preferentes serie E” nos que non existía o dereito a recuperar libremente o capital investido e “existindo importantes riscos”, principalmente que o pagamento de xuros “estaba condicionado a que existise un beneficio distribuíble pola entidade” e que “non existía obriga da entidade de reembolsar a cantidade investida”.
Segundo a Fiscalía, a muller “accedeu a través de conversas telefónicas" e os acusados "simularon" o contrato "estampando catro sinaturas que imitaban a súa"
Segundo a Fiscalía, a muller “accedeu a través de conversas telefónicas a levar a cabo a operación, facéndoo en base á confianza que tiña nos acusados”, de xeito que estes lle venderon 110 participacións preferentes por valor de 110.000 euros. Para iso “ambos acusados simularon a intervención [da muller] en dito contrato, facéndoa constar sen o seu consentimento en concepto de ordenante e estampando catro sinaturas que imitaban a súa, ben levando a cabo esta acción os propios acusados, ou ben un terceiro que actuou seguindo as súas indicacións”.
Para a Fiscalía estes feitos son constitutivos dun delito de estafa agravada por valerse os acusados da súa credibilidade profesional e doutro de falsidade en documento mercantil, polo que pide para cada un deles cinco anos de cadea con inhabilitación durante o mesmo tempo para exercicio de profesión relacionada coa comercialización de produtos bancarios. Tamén pide multa de 12 euros ao día durante 12 meses. Igualmente, a Fiscalía reclama que indemnicen á afectada con 110.000 euros máis xuros, “con responsabilidade civil subsidiaria da entidade Abanca”, herdeira das caixas.