O PIB galego, aínda un 6,3% por debaixo do anterior á crise

Evolución do PIB, por comunidade autónoma, entre 2008 e 2015 Dominio Público Praza Pública

O PIB de Galicia creceu en 2015 un 3,2% segundo os datos de Contabilidade Rexional facilitados polo INE (un 2,1% segundo os cálculos do IGE). Este incremento, o primeiro que segundo o INE rexistra a comunidade dende o 2010, deixa a economía galega aínda moi lonxe dos niveis previos á crise económica. O PIB galego, 54.907 millóns en euros constantes (55.701 millóns en euros correntes), fica un 6,3% por debaixo do nivel acadado en 2008 (58.583 millóns de euros).

Nestes sete anos a evolución do conxunto de España é tamén negativa (-4.4%), pero non tanto coma a que rexistra Galicia. Das 17 comunidades autónomas tan só Madrid amosa un crecemento real en euros constantes, aplicando a evolución da inflación (descontando a inflación tamén as Illas Baleares). Canarias, Estremadura, Navarra, País Vasco, Cataluña, Aragón, Murcia e Castela-León melloran os datos galegos, que só empeoran Castela-A Mancha, A Rioxa, Comunidade Valenciana, Cantabria e Asturias.

A pesar de que nestes sete anos Galicia perdeu 34 mil habitantes (pasou de 2.760.000 a 2.726.300), isto non foi suficiente para que os datos do PIB per capita mellorasen. O PIB per capita galego (20.431 euros) está moi por debaixo do de 2008 (21.226) e sitúase case tres mil euros por debaixo do do conxunto de España (23.290 euros).

Evolución do PIB, por comunidade autónoma, entre 2008 e 2015 Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.