O 'Polígono Virtual' de Amoeiro acolle xa un cento de empresas

Captura de pantalla da web © Polígono Virtual de Galicia

En novembro botaba a andar no Concello de Amoeiro o primeiro polígono virtual de Galicia, en colaboración coa empresa Ciolet System e a Corporación Eurogalega de Negocios. Nun primeiro momento ofrécelles ás empresas e emprendedores asesoramento fiscal, laboral e contable de balde, para que nunha segunda fase estas empresas se poidan beneficiar de máis servizos tecnolóxicos (seguridade, aloxamento web, rede, mantemento...), e outro tipo de actividades e soportes (espazos para eventos ou cursos, por exemplo) por dez euros ao mes.

En apenas tres meses de actividade o Polígono Virtual de Galicia xa acolle un cento de iniciativas empresarias e ao redor de corenta ou cincuenta máis están a realizar os trámites requiridos para incorporarse á plataforma. O alcalde de Amoeiro, Rafael Rodríguez (PSdeG-PSOE), destaca a diversidade dos proxectos que se embarcaron no Polígono, dende empresas do ámbito tecnolóxico, de servizos, algunhas que traballan con produtos agrícolas ou outras relacionadas coa hostalaría. Son empresas e proxectos chegados dende toda Galicia, e mesmo algún dende fóra de España.

Rodríguez sinala que o éxito acadado até o momento "demostra que unha administración pública pode levar a cabo unha iniciativa deste tipo con condicións moito máis vantaxosas que un promotor privado. Ao non ter ánimo de lucro e fixar uns prezos polos servizos que ofrecemos simplemente para cubrir os gastos xerados, podemos ofrecer tarifas máis competitivas e mellores servizos".

Este proxecto racha ademais moitos tópicos sobre a Galicia ou sobre os concellos pequenos. Trátase dunha plataforma nacida ao abeiro das novas tecnoloxías e que explora novos camiños na procura da creación de riqueza, o fomento empresarial e a loita contra o desemprego, e faise dende un concello de apenas 2.300 habitantes. Rafael Rodríguez salienta que "queremos converter Amoeiro nun concello que aúne tradición e tecnoloxía, queremos ser o primeiro concello 2.0 de Galicia" e subliña que precisamente como concello pequeno contan "cunha vantaxe sobre os máis grandes e sobre as cidades", que é a axilidade na tramitación: "Non hai burocracia, polo que é máis doado que cando chega unha iniciativa, se leve á práctica case de inmediato".

Rafael Rodríguez salienta que "queremos converter Amoeiro nun concello que aúne tradición e tecnoloxía, queremos ser o primeiro concello 2.0 de Galicia"

Nas últimas semanas o Polígono foille presentado a representantes de todas as forzas políticas, entidades empresariais e outros colectivos. "A iniciativa é aberta, por iso estamos mantendo contactos con todos os grupos políticos para que todos aqueles que estean interesados e queiran participar poidan facelo", explica o rexedor. Ademais son varios xa os premios e recoñecementos acadados polo Polígono Virtual; por exemplo, en decembro foi recoñecido como "a mellor iniciativa emprendedora" da provincia de Ourense polo Círculo de Jóvenes Empresarios.

"Internet tamén modifica os límites dos ámbitos de actuación dun concello. Agora que tanto se fala de colaboración entre administracións, a mellor proba é isto"

O Polígono vaise dotando aos poucos de novos servizos para ofrecérllelos ás empresas adheridas. Por exemplo, xa conta cunha tenda virtual para venda online, certificados de calidade, descontos en servizos de programación e deseño, e os mellores proxectos serán premiados cun estudo de viabilidade gratuito. Ademais, o Polígono está traballando para crear a primeira praza de abastos virtual de Galicia.

"Se queremos facer país, se queremos que o proxecto interesante dunha persoa saia adiante, calquera lugar pode ser bo", conclúe Rafael Rodríguez: "Internet tamén modifica os límites dos ámbitos de actuación dun Concello. Agora que tanto se fala de colaboración entre administracións, a mellor proba é isto".

En decembro o Polígono foi recoñecido como 'a mellor iniciativa emprendedora' da provincia de Ourense © Polígono Virtual de Galicia
Presentación do Polígono Virtual, no mes de decembro © Polígono Virtual de Galicia
Captura de pantalla da web © Polígono Virtual de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.