O PP bota abaixo a ILP da CIG polo emprego aludindo á 'herdanza socialista'

Concentración da CIG ante o Parlamento, este martes Dominio Público @XoanBouza

Os votos do Partido Popular impediron este martes a tramitación da Iniciativa Lexislativa Popular promovida pola CIG con 100 medidas para promover o crecemento económico e a creación de emprego en Galicia. Si votaron a favor da súa toma en consideración tanto o PSdeG-PSOE, coma AGE coma o BNG. O secretario xeral do sindicato, Suso Seixo, foi o encargado de presentar e defender a iniciativa, que recolleu nos últimos meses máis de 30 mil sinaturas, mentres no exterior da cámara unha concentración convocada pola central nacionalista emprestaba tamén o seu apoio.

Na cámara, Seixo debullou algúns datos sobre a situación económica de Galicia, comezando polas case 300 mil persoas sen emprego, os elevados nivieis de paro xuvenil ou de desempregados sen prestación, as crecentes cifras de pobreza e exclusión social, ou a cada vez máis importante emigración, sobre todo entre a mocidade. “Esta é a verdadeira realidade do noso país”, sinalou, ao tempo que lle criticou ao Goberno galego a ausencia de medidas: "É difícil entender que o Goberno galego aínda non presentase un plan de choque con medidas para aqueles sectores que están a sufrir de forma máis directa a crise. Ou cando menos en que sectores se pode actuar para promover a recuperación económica”, dixo, tras afirmar que “o presidente da Xunta, cada vez que di unha verdade perde un ollo, e aínda ten os dous”.

Despois de chamar a atención sobre o feito de que a maior parte dos membros do Goberno non se atopaban presentes para o debate, Seixo salientou que que a situación económica de Galicia, "ten que ver coa falta de competencias" pero tamén "cunhas determinadas políticas de clase que se defenden, políticas que benefician a sanidade privada, aos grandes empresarios ou os banqueiros".

Arias afirmou que foi unha política económica que promoveu o "endebedamento", o "préstamo fácil", a "prosperidade artificial" e a escesiva construción de vivendas a que levou á situación actual

Os deputados do Partido Popular votaron en contra, unha posición que foi defendida por Pedro Arias. Arias cualificou as medidas de "inviables" e convidou á CIG e os grupos da oposición a "debater medidas concretas", que tipo de contratos son viables, que tipos impositivos son máis convenientes, pero sempre partindo da necesidade, dixo, de contar con medidas de "austeridade selectiva". Así mesmo, Arias culpou dos elevados niveis de desemprego en Galicia á xestión realizada polos gobernos de Zapatero e Touriño. Defendeu que en 2004 o PP deixou unha "economía saneada" e con baixos niveis de paro, e afirmou que foi unha política económica que promoveu o "endebedamento", o "préstamo fácil", a "prosperidade artificial" e a escesiva construción de vivendas a que levou á situación actual. Arias engadiu que "polos traballadores preocupámonos todos" e defendeu as xestións da Xunta para promover a recuperación económica.

O BNG loubou, pola súa banda, as medidas presentadas pola CIG e afirmou que "hai que apostar e fomentar o consumo dos produtos galegos, defender o potencial forestal, leiteiro, enerxético, extraer beneficio da especialización produtiva", apostando "polo coñecemento, pola presenza pública na economía e de maneira especial en sectores como o financeiro, lácteo, enerxético, naval ou redes de comercialización".

Para a CIG "si é posíbel facer outras políticas que sexan realmente xeradoras de emprego e para a súa posta en práctica teñen competencias o Parlamento de Galiza e máis o Goberno galego"

Ademais de contar coa adhesión de varios comités de empresa, como Navantia ou Pull&Bear, a CIG promoveu a presentación de mocións en apoio á ILP, que foi debatida en máis de 60 concellos e aprobada en, cando menos, 28 deles. A iniciativa recollía un total de 100 medidas en materia fiscal, financeira, laboral, social, enerxética ou industrial, entre outras, que o sindicato considera "imprescindíbeis para recuperar a actividade dos nosos sectores produtivos e que se cree emprego digno no país". Ademais, a central destacaba que "a maior parte delas demostran que si é posíbel facer outras políticas que sexan realmente xeradoras de emprego e para a súa posta en práctica teñen competencias o Parlamento de Galiza e máis o Goberno galego".

Concentración da CIG ante o Parlamento, este martes Dominio Público @XoanBouza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.