O PP mira para outro lado, pasa da Xunta e do consenso e aproba o proxecto de lei da cadea alimentaria sen arranxar os desequilibrios que sofren os gandeiros galegos e renunciando a fixar un prezo mínimo para o leite que evite o abuso da industria e a distribución, tal e como se comprometera Feijóo o pasado mes de decembro co sector en Galicia. Así, asumindo as recomendacións do polémico informe da Comisión Nacional da Competencia (CNC), criticado con dureza polos sindicatos labregos, os populares renuncian incluso a presentar as emendas previstas para non contradicir o documento dunha CNC que fora acusada de "parcial e servil" polas organizacións agrarias.
O Goberno central di estar "moi satisfeito" do proxecto de lei remitido a Cortes e asume o ditame de Competencia
O Executivo xa recoñeceu este mesmo mércores estar "moi satisfeito" co proxecto de lei de mellora da cadea agroalimentaria remitido ás Cortes e, aínda que admitía melloras no trámite parlamentario, xa advertiu que debería respectar as normativas sobre Competencia e, polo tanto, o informe da CNC, malia non ser vinculante. "Hai quen quere que introduzamos elementos que a CNC non considera admisibles", dixo Miguel Arias Cañete, ministro de Agricultura, que insistiu no "respecto da lexislación comunitaria e nacional".
No entanto, a deputada galega do PSOE, Laura Seara, advirte de que esta nova lei "condena irremediablemente á ruína ao sector produtor lácteo galego" e denuncia que a aprobación se realice na Comisión de Agricultura con competencia lexislativa plena, evitando así que sexa necesaria a súa aprobación no pleno. "O proxecto que aproba o PP non só non resolve eficazmente os desequilibrios da cadea, senón que os pode agravar", insiste.
O PSOE asegura que a lei "deixa en papel mollado o acrodo asinado en Galicia e avalado por Feijóo"
Seara asegura que o PP "deixa en papel mollado o acordo que asinou en Galicia e que foi avalado polo presidente Feijóo para que a lei incluíse a obrigación de que os prezos do leite cubrisen os custos de produción". "Rajoy e o seu Goberno pasan do seu compañeiro Feijóo e este e os deputados galegos no Congreso quedan impasibles e son cómplices do prexuízo que esta norma supón para os produtores de Galicia", denuncia.
"A palabra de Feijóo non vale nada porque a empeñou cos gandeiros galegos e agora é tombada o seu propio partido", insistiu Seara, que lembrou que o grupo socialista presentou emendas para que a lei contemplase expresamente que os prezos do leite non poderían ser nunca inferiores aos custos de produción. "No entanto, o rodillo do PP bota abaixo as 36 emendas", di.
"A palabra de Feijóo non vale nada; empeñouna cos gandeiros, pero foi tombada polo seu propio partido", di Seara
"É a crónica dunha morte anuncida para os gandeiros galegos, xa que o rexeitamento en marzo por parte do PP a que no trámite parlamentario comparecesen os representantes do acordo lácteo galego non facía prever nada bo", rematou a deputada socialista.
Desde Galicia, os sindicatos SLG e Unións Agrarias pediran a Feijóo que fose "consecuente" e que alegase a lei para impedir vender leite por baixo de custos e cumprir co compromiso asinado pola Xunta co sector no país o pasado mes de decembro e que contaba co visto e prace do Consello da Competencia de Galicia, así como doutros organismos implicados. A resposta foi negativa. Hai tan só dous días, a conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana, cualificaba a norma de "excepcional" e asumía o ditame do CNC para lembrar que "xa hai determinadas leis no ordenamento xurídico español que prohíben a venda a perdas".