O PP veta que se devolvan todos os cartos ás vítimas das preferentes

Afectados polas preferentes, nunha manifestación CC-BY-SA Merixo

O PP vetou a devolución íntegra dos seus cartos ás vítimas da estafa das preferentes. Cos seus votos, os populares bloquearon este martes no Congreso unha proposición de lei do PSOE, apoiada tamén por BNG, Izquierda Plural, UPyD, CiU, PNV, ERC e Compromís, na que se reclamaba que os bancos devolvesen aos afectados todo o diñeiro investido neses produtos financieiros, algo que foi rexeitado polos conservadores ao entender que iría en contra da lexislación comunitaria europea.

O PP bota balóns fóra, acusa os socialistas e lembra que a proposta é contraria á lexislación europea

O veto do PP supón un novo golpe ás vítimas das preferentes, que nos últimos días foron acusados tamén polo presidente de Novagalicia Banco, José María Castellano, de estar "politizados". Así, o deputado popular Eloy Suárez lembrou que a directiva europea de Instrumentos Financeiros "propón compartir cargas", polo que non se podería optar por unha proposta do PSOE, aínda que a dereita asegura que lle gustaría que a lei non o impedise. "O problema do sistema financeiro en España non é precisamente culpa do PP", engadiu o parlamentario, que acusou o PSOE de "facer demagoxia" ao intentar agochar que foi o seu partido o que permtiu a comercialización das preferentes, ao que denominou como "corralito e estafa"

"Produciuse unha fraude, houbo unha comercialización enganosa e moitas persoas foron enganadas vilmente, causándoselle un grave prexuízo. Somos conscientes diso e de que a CNMV non actuou con contundencia suficiente, polo que o Congreso ten a reponsabilidade de resolver o problema", asegurou o deputado socialista Antonio Hurtado.

O BNG acusa o Executivo de "deixar practicamente sen dereitos" os afectados polas preferentes

Pola súa banda, Olaia Fernández Davila, voceira parlamentaria do BNG, acusou o Executivo de "deixar practicamente sen dereitos" os afectados polas preferentes logo da reforma tributaria de agosto. "Non só non achega solucións, senón que empeora a situación das vítimas", asegurou a deputada nacionalista, que lembrou tamén que hai plataformas de afectados que en Galicia xa pediron aos deputados que impugnen ante o Constitucional a devandita normativa.

Concentración dos afectados polas preferentes na Coruña CC-BY-NC Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.