Nigrán aparece como o concello costeiro con prezos máis elevados (2.552 euros por metro cadrado), superando a Sanxenxo, Baiona e á propia cidade da Coruña
O prezo da vivenda -tanto de compra coma de alugueiro- acumula unha década de ascensos e, de momento, o ritmo de encarecemento mantense e, en certos espazos, mesmo se incrementa. Hai uns días as taxadora Tinsa publicou o informe Vivienda en Costa 2026, que analiza a situación e evolución do sector residencial nos diferentes litorais do Estado español.
En Galicia os aumentos do prezo no último ano van dende o 8,3% dos concellos do litoral lucense e o 8,6% do pontevedrés ata o 13,5% da costa coruñesa, ritmos de encarecemento semellantes aos que se rexistran no resto de cada provincia.
En Galicia os aumentos do prezo no último ano van dende o 8,3% dos concellos do litoral lucense e o 8,6% do pontevedrés ata o 13,5% da costa coruñesa
O informe recolle os prezos medios de compravenda en cada litoral e ofrece información detallada para os concellos costeiros con máis operacións. Nesta relación Nigrán aparece como o concello costeiro con prezos máis elevados (2.552 euros por metro cadrado), superando a Sanxenxo, Baiona e á propia cidade da Coruña.
Mercar unha vivenda na costa pontevedresa é moito máis caro que no resto do litoral galego, superando amplamente o seu prezo medio (1.894 euros por metro cadrado) o que se rexistra na costa coruñesa (1.265 euros) e lucense (1.277 euros). De feito, o litoral lucense aparece no informe como o espazo costeiro con prezos máis reducidos en todo o Estado.
Boiro, Nigrán, Viveiro, Pontevedra, Baiona, Sada, A Coruña, Cangas e Redondela encabezan a lista, con subas por riba do 15% en doce meses
O informe detense de forma específica nas vivendas de tipo vacacional, empregadas como segundas residencias, cuxos prezos elévanse moi por riba da media, acadando os 3.000 euros por metro cadrado no litoral pontevedrés entre A Guarda e O Grove e os 2.700 euros no litoral coruñés.
En canto á evolución seguida no último ano, practicamente todos os concellos que aparecen no informe rexistran subas (a única excepción é Foz) e na maior parte dos casos o incremento supera o 10%. Boiro, Nigrán, Viveiro, Pontevedra, Baiona, Sada, A Coruña, Cangas e Redondela encabezan a lista, con subas por riba do 15% en doce meses.
As compravendas de vivenda vacacional por parte de estranxeiros sitúanse ao redor do 20% no litoral coruñés e lucense e nunha porcentaxe superior (entre o 20% e o 40%) no pontevedrés, cun forte aumento no último ano
O documento tamén analiza a orixe dos compradores de vivenda vacacional, maioritariamente estatal en todo o litoral galego, procedente principalmente de provincias do centro do país, nomeadamente Madrid. Con todo, o informe destaca igualmente o peso das compras realizadas en Pontevedra dende o norte de Castela e a Galicia interior e en Lugo por persoas procedentes de Andalucía, Canarias e Baleares.
As compravendas de vivenda vacacional por parte de estranxeiros sitúanse ao redor do 20% no litoral coruñés e lucense e nunha porcentaxe superior (entre o 20% e o 40%) no pontevedrés, cun forte aumento no último ano, destacando as operacións realizadas por persoas procedentes de Reino Unido e Alemaña.