O prezo do leite en orixe caeu máis dun 16% no último ano

Evolución do prezo medio de recollida do leite en Galicia no último ano (euros/ 100 litros) Dominio Público Praza Pública

Volven os prezos baixos ao mercado do leite en Galicia. Despois duns últimos meses de 2013 cunha alza dos prezos pagados aos produtores (até rozar os 0,4 euros por litro) que ben se poden cualificar de espellismo, neste 2014 o valor do leite en orixe non deixou de descender, até situarse en outubro (últimos datos oficiais) nos 32,24 euros por cada cen litros, un 16,4% menos que doce meses antes. De estar lixeiramente por riba da media española, a estar unha vez máis varios céntimos por debaixo.

A situación foi denunciada este luns por Unións Agrarias, que fala de "caída estrepitosa" que lles recomenda aos e ás produtoras que "non se apuren" a "asinar os contratos que pretende a industria". De igual xeito, o secretario de gandería da Unión de Pequeños Agricultores y Ganaderos (UPA) Román Santalla, cualificou o comportamento dos industriais galegos, franceses e españois de "fóra de lugar".

O descenso de prezos é xeral en todo o Estado, pero como vén sendo habitua o prezo pagado en Galicia sitúase moi por debaixo da media española (0,34 euros por litro), segundo datos do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) e a moita máis distancia de comunidades autónomas como Andalucía (0,394 euros), Navarra (0,374) ou Castela A Mancha (0,357) e Asturias (0,353).

Galicia sitúase, de feito, entre as rexións europeas nas que os e as gandeiras reciben menos polo leite que producen. Só Lituania (26,1 euros por cada cen litros), Romanía (28,9), Letonia (29,3) e Polonia (32) están por debaixo, todos lugares moi afectados polo bloqueo comercial de UE e Rusia que impide as exportacións a ese país. A media da UE sitúase nos 37,3 euros, un nivel no que están dende Alemaña a Francia, pasando por Portugal. Italia, Holanda ou Dinamarca superan os 40 euros.

O secretario xeral de UUAA, Roberto García, denunciou que "non hai precedente nos trinta últimos anos de baixadas do prezo en xaneiro", como se produciu en Galicia, e culpou da situación a "unha estratexia concreta" da industria francesa "que quere quedar co mercado español". García anunciou que o seu sindicato actuará xudicialmente nos casos en que se pretenda vender o cartón de leite por baixo de 0,57 céntimos, o que incumpriría a Lei de Cadea Alimentaria. 

Así mesmo, anunciou que solicitarán a creación de mesas con cada industria que recolle en Galicia para que se cumpran os contratos, que deben contar coa garantía da propia negociación e de recollida de todo o leite producido, cun prezo-base de partida, para todo o ano, que cubra os custos de produción. No caso de que a industria non acepte estas condicións, Unións Agrarias promete "mobilizacións e presión, sen excluír unha folga de entregas".

Os e as produtoras reciben dez céntimos menos por litro que o pasado ano CC-BY-NC Daniel Kinpara
Evolución do prezo medio de recollida do leite en Galicia no último ano (euros/ 100 litros) Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.