O PSdeG denuncia que o Goberno falseou os datos de afiliación do mes de agosto

Vista dunha oficina de emprego © Encomun.es

O senador do PSdeG-PSOE Ricardo Varela vén de acusar o Ministerio de Emprego de "manipular" os datos do paro correspondentes ao mes de agosto e feitos públicos este martes, que -sinala- non inclúen os datos da afiliación á Seguridade Social do día 31, no que habitualmente se producen milleiros de baixas, ao rematar moitos contratos estivais. Varela lembra a este respecto que nos últimos cuatro o 31 de agosto houbo una diminución media de 187.865 afiliados e subliñou que este ano "ese dato trasladarase ao día 2 de setembro, co que haberá un setembro negro en afiliación". O senador socialista acusou ao PP de querer lanzar unha "cortina de fume sobre o vergoñento caso Bárcenas".

O senador socialista acusou ao PP de querer lanzar unha "cortina de fume sobre o vergoñento caso Bárcenas"

O pasado ano o 31 de agosto rexistráronse no conxunto de España 194.970 baixas, pero nos datos oficiais feitos públicos onte, a serie remata o 30 de agosto, venres, cunha redución de máis de 40 mil persoas. Faltan, polo tanto, os do 31 de agosto, sábado. En calquera caso, analiando os datos en termos interanuais ou intermensuais xa se advirte que as cifras de afiliación no mes de agosto están lonxe de ser positivas. Este pasado 30 de agosto había 16.271.446 persoas inscritas na Seguridade Social, 600 mil menos que o 30 de agosto de 2012 (16.872.132), e 150 mil menos que o 30 de xullo de 2013 (16.427.284). A caída dende o ano 2007 é de máis de tres millóns de persoas.

Este pasado 30 de agosto había 16.271.446 persoas inscritas na Seguridade Social, 600 mil menos que o 30 de agosto de 2012 (16.872.132)

O socialista critica a este respecto o triunfalismo das declaracións dos representantes do PP: "son irresponsables e impropias de quen detenta o poder e se, ademais, van acompañadas de malos datos, a irresponsabilidade convértese en temeridade". Varela debullou os datos e lembrou que o 45% das baixas de demandantes non foron "por colocación" senón por "non pasar revista ou por outras causas diferentes". Tamén destacou que hai case un millón de desempregados que non están inscritos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.