Que a agonía de Novagalicia Banco non se prolongue máis. O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, terciou este mércores na que semella irremediable travesía de Novagalicia Banco cara á poxa para reclamar, cando menos, celeridade nas decisións. Despois de que, nas últimas semanas, o Banco de España desdeñase o coñecido como Plan Castellano para a entrada de investidores privados na entidade galega e tras as declaracións nas que o ministro de Economía, Luis de Guindos, apostaba por non tomar decisión ningunha ata outubro -data límite para captar investimentos- o líder dos socialistas galegos pide velocidade. Dende hai meses Vázquez ten claro que a sorte de NCG Banco está botada e coida que, aínda que a Xunta e o Goberno poidan permitirse dilatar o proceso, "quen non pode esperar son os galegos que están agardando por un crédito".
"O ministro quere esperar a outubro para salvarlle os trastos ao presidente do Goberno galego"
A chamada do socialista diríxese a "De Guindos e Feijóo" pero tamén ao gobernador do Banco de España, Miguel Ángel Fernández Ordóñez, elixido polo Goberno central de José Luis Rodríguez Zapatero, para pedir que remate xa un proceso que, na súa opinión, non está exento de lectura política. "O ministro de Economía quere esperar a outubro para salvarlle os trastos ao presidente do Goberno galego", coida Pachi Vázquez, en cuxa opinión De Guindos tenta que a posible disolución de Novagalicia nun dos grandes grupos bancarios españois non coincida coa precampaña electoral de Galicia. Con todo, se o roteiro non cambia será De Guindos, Vázquez coida que o ministro "tería que explicarlle" non só a quen agarda por un crédito, senón "á xente afectada polas preferentes que seguimos agardando ao setembro", explicación que debera estender aos propietarios "dos 15.000 comercios pechados" nos últimos tempos ou ás pequenas e medianas empresas.
"Non hai crédito en Galicia" e, no caso das prefrentes "os que as teñen noutros bancos, non teñen problemas", resume Vázquez para afirmar que estes son motivos usficientes como para que Xunta, Goberno central e Banco de España "non anden enganando" e resolvan "xa", dicindo por exemplo "se van dar un Esquema de Protección de Activos -mecanismo de defensa da entidade ante posibles perdas-", tal e como reclama o equipo directivo de NCG Banco. "Por que temos que estar agardando ata setembro?", reitera o líder do PSdeG, nun contexto no que, na súa opinión, a situación de Novagalicia se converte nun "dobre drama" para o país porque, ao representar "case o 50%" do sistema financeiro, o feito de que "cada día teña dificultades máis tremendas" estano "a pagar todos os galegos".
Así e todo, non semella que a petición do PSdeG vaia ter eco na Xunta, como tampouco a tivo a proposta lanzada polo BNG para nacionalizar a entidade bancaria ou crear unha banca pública galega "dende cero". Nos días en que os nacionalistas formulaban esta iniciativa e mentres dende o Banco de España se apostaba pola poxa o presidente da Xunta e o conselleiro da Presidencia apresuráronse en advertir de que o Goberno galego carece de competencias sobre o banco. Mentres, sen especificar de que xeito, De Guindos aseguraba en Compostela que NCG Banco "seguirá a xogar un papel moi importante" na economía galega.