O PSdeG pide unha "arbitraxe transparente" para os afectados polas preferentes

Reunión dos afectados polas preferentes co PSdeG © PSdeG-PSOE

A viceportavoz do Grupo Socialista, Carmen Gallego, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias nas que lle reclama á Xunta “que estenda unha arbitraxe transparente” aos estafados polas participacións preferentes. A socialista presentou esta Proposición non de Lei logo de manter un encontro, onte mércores, cos membros integrantes das plataformas de afectados polas participacións preferentes en Galicia.

Reclamou “facer públicos os criterios de inclusión e de exclusión na arbitraxe a fin de transparentar a súa concesión”

Gallego resaltou as denuncias emitidas polos afectados a diario polo “trato discriminatorio na resolución dos casos” entre os que optaran pola vía da arbitraxe e reclamou “facer públicos os criterios de inclusión e de exclusión na arbitraxe a fin de transparentar a súa concesión” pois a día de hoxe nin no Instituto Galego de Consumo nin en Novagalicia Banco son quen de explicar qué criterios empregan para resolver estes casos”. Gallego salientou as denuncias transmitidas polas plataformas contra unha “ralentización dos procesos de arbitraxe” coincidindo co remate da pasada campaña electoral. Por este motivo demandou “dotar de mais medios humanos e materiais o sistema de arbitraxe establecido no Instituto Galego de Consumo co obxecto de axilizar os procedementos, incluír a meirande parte das persoas afectadas e rematar con este sistema antes de fin de 2012”.

Advertiu tamén que o goberno se “desentendeu do problema e asinou un memorando para o rescate que non contempla ningunha solución a esta estafa”. E denunciou que Feijóo, pola súa banda “só tomou a palabra para respaldar aos grandes inversores de NGB diante do FROB, pero esquece completamente aos pequenos aforradores estafados, que son os realmente vulnerables”. Por este motivo, reclámalle á Xunta que preste “asesoramento xurídico a todas aquelas persoas estafadas que así o requiran para poder demandar xudicialmente ás entidades financeiras”.

Reclamoulle a Feijóo que impugne o decreto Lei de reestruturación do sistema financeiro que establece quitas para as persoas estafadas

Finalmente, reclamoulle a Feijóo que impugne o decreto Lei de reestruturación do sistema financeiro que establece quitas para as persoas estafadas na fraude das participacións preferentes. Criticou que este Decreto Lei “establece quitas que levarán aos aforradores estafados a perder mais do 70 por cento do seu diñeiro”.

Reunión dos afectados polas preferentes co PSdeG © PSdeG-PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.