O PSdeG pide "unha fronte común" coa Xunta para evitar a poxa de NCG

Novagalicia Banco © NGB

"Unha fronte común" para pedir ao Goberno central e ao Banco de España "que non discrimine a Novagalicia Banco". Esa é a petición que o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, fará este martes ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a través dunha carte, segundo anunciou o luns.  "Se hai unha solución singular para Bankia, que tamén a haxa para NCG Banco", incidiu o líder socialista, que cre que a unión de forzas ha de servir para que o Estado "inxecte os fondos necesarios para sanear definitivamente" a entidade e evitar así a súa poxa "parcial ou total".   

Pachi Vázquez xustificou a súa proposta en que actualmente, "por moito que Feijóo intente disfrazalo", NCG xa é "un banco público", posto que está participado por fondos estatais "ao 93%". Porén, tal e como aclarou, "aínda ten dificultades para provisionarse" segundo "os requirimentos" do Banco de España e do Goberno.

"Temos que manter os centros de decisión e financeiros", reclama o PSdeG

Para o líder dos socialistas, NCG Banco ten que poder acceder á mesma solución de Bankia e ter como obxectivos primordiais a colaboración coa economía do país e a "corrección" do problema das preferentes. "Hai que dar garantías a todos os afectados por ese grande engano, esa acción especuladora fraudulenta", defendeu Vázquez, que insiste en que a solución debe ser "política". "Temos que manter os centros de decisión e financeiros e non entrar nun pool no que quedariamos disoltos", opinou.

"Pedimos o mesmo que o presidente de Bankia: inxección económica, capitalización e permanencia como entidade pública,", resumiu, para concretar que "dentro de cinco ou dez anos" haberá que ver "como está o mercado", ao obxecto de que o banco "reforzado" poida "resarcir o diñeiro público que se lle ingresou".

Logo da súa petición, o secretario xeral socialista criticou a Feijóo por estar "desaparecido" mentres "aparecen solucións singulares para Bankia" que o presidente, segundo Vázquez, non reclama para NCG. Ademais, tamén advertiu que a súa proposición inclúe tamén depurar "responsabilidades" a través dunha comisión de investigación no Parlamento.

Sen axudas de custo por asistencia ás reunións de NCG

A proposta de Pachi Vázquez chega o mesmo día no que a Xunta acordou eliminar as axudas de custo por asistencia aos membros dos órganos de goberno de NCG Banco para aforrarlle uns 375.000 euros á entidade e que pode ser destinada a actividades relacionadas coa obra social, segundo apunta a Consellería de Facenda.

O Goberno galego aclara que a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, asinou o pasado 31 de maio unha resolución para suprimir as axudas de custo por asistencia que até o de agora cobraban os membros dos órganos de goberno. A decisión está en vigor dende o 1 de xuño e deixa en 25.000 euros os gastos para os membros dos órganos de goberno, que se aboarán unicamente en concepto de desprazamentos xustificados.

Facenda recorda que dende setembro de 2011, cando se constituíu NCG Banco, Novacaixagalicia deixou de actuar como entidade financeira e xestiona unicamente a súa obra social, polo que a entidade ten "natureza e actividade de carácter fundacional". "O Executivo galego entende que a responsabilidade e as funcións dos membros dos órganos de goberno se ven reducidas de forma moi substancial, polo que as axudas de custo deben corresponder ás dunha fundación benéfico-social", argumenta.

Dende agora, explica a consellería, abonaranse unicamente as axudas de custo por desprazamentos que se xustifiquen. A decisión, agrega, a toma neste momento, e "no marco" das competencias que a Xunta mantén sobre a caixa, porque "se está a dilatar a conversión en fundación de carácter especial", debido aos sucesivos cambios normativos que están a afectar as entidades financeiras".

Dende o comezo da lexislatura, engade o Goberno galego, elimináronse o 95% das compensacións que tiñan os membros dos órganos de goberno de Novacaixagalicia, que superaban os 1,2 millóns de euros. Nos últimos doce meses foron de 400.000 euros e agora pasan a 25.000 euros.

Pachi Vázquez, na rolda de prensa CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.