O PSdeG-PSOE denuncia o desvío de 16 millóns de euros de formación para o emprego

Enrique Negueruela © PSdeG-PSOE

O secretario de Economía da Executiva do PsdeG-PSOE, Enrique Negueruela, vén de denunciar un suposto desvío de 13,6 millóns de euros, correspondentes a formación para o emprego, por parte da Consellería de Traballo, aos que suma outros dous millóns que deberan ser destinados á formación de ocupados. Así o dixo logo de que a conselleira afirmara que destinará á formación para o emprego soamente 40,6 millóns de euros en 2013, cando o Estado lle transfire a Galicia mais de 54, e anunciara que soamente destinará 6 millóns de euros dos 8 que transferirá o Estado para a formación de ocupados.

Estes 16 millóns de euros significan un de cada catro euros que deberian ser destinados á formación para o emprego "e que son financiados coas cotas de formación profesional que se lle descontan a tódolos traballadores”, denuncia Negueruela, que lle esixe á conselleira que explique “ónde están os cartos que faltan” e que corresponden a transferencias finalistas do Goberno central

O responsable socialista salienta que na actualidade hai “mais de 175.000 demandantes que carecen do Graduado en ESO, polo que non poden recibir a formación dos Certificados de Profesionalidade de nivel II ou superior". Dous de cada tres demandantes están nesta situación. Neguereuela reivindica a necesidade de que se lles dea formación en competencias clave aos demandantes que carezan do Graduado en ESO. Por este motivo esixe que a Consellaria de Traballo destine á formación destes traballadores "os 16 millóns de euros que pretende desviar".

Enrique Negueruela © PSdeG-PSOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.