O PSdeG-PSOE non sairá da reunión coa SEPI até que teña "información clara sobre a burla de Pemex e o dique flotante”

Mobilización dos traballadores do sector naval CC-BY-SA COO Galicia

O culebrón no que Alberto Núñez Feijoo se enredou nas semanas previas ás eleccións péchase sobre si mesmo. Pasan os meses e o futuro dos encargos de buques hoteis para Pemex e do dique flotante segue sen aclararse. E a paciencia comeza a esgotarse nos estaleiros de Vigo e Ferrolterra. As deputadas do PSdeG-PSOE no Parlamento, Beatriz Sestayo, e no Congreso, Paloma Rodríguez, serán recibidas polos responsables da SEPI o vindeiro 24 de xaneiro. E advirten de que non sairán da xuntanza até que teñan "información clara sobre a burla de Pemex e o dique flotante”. E conclúen que no caso de non obter respostas claras "terán que desaloxarnos pola forza".

Advirten de que non sairán da xuntanza até que teñan "información clara sobre a burla de Pemex e o dique flotante”. E conclúen que no caso de non obter respostas claras "terán que desaloxarnos pola forza"

Sestayo engade que “vixaremos con data de ida, pero non de volta, xa que os socialistas non vamos permitir máis tomaduras de pelo ao naval”. A deputada socialista acusou o Partido Popular de querer "asasinar a unha cidade e a súa comarca co beneplácito dun alcalde máis interesado en saír ben, e sorrindo a pesares da dureza das decisións súas e do seu partido, nas fotos xunto a Feijóo que en defender os intereses dos veciños e veciñas”. Recoméndalle aos populares que “vaian pensando en cómo despexar as dúbidas acerca dos presuntos contratos coa petroleira mexicana ou que teñen pensado facer, ou non facer, co fundamental dique flotante”.

Este mércores Sestayo denunciou as "constantes mentiras" do PP en torno ao dique flotante: "o único que están a facer é dar largas aos alcaldes e traballadores dos estaleiros e evitar accións claras e contundentes para a construción dunha infraestrutura que suporía un parón á sangría de despedimentos que está a sufrir o naval da ría de Ferrol"

 

Feijoo, á defensiva

Este xoves na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta recoñeceu  que ainda que PMI "ten eses contratos asinados", unha "cuestión distinta é se PEP asina ou non asina un contarto con PMI"

Ante as informacións publicadas pola prensa mexicana e por Praza que foron desvelando a realidade dos compromisos adquiridos polos estaleiros galego con PMI -non con Pemex- e a necesidade de pasar por un concurso aberto para acadar a concesión, Alberto Núñez Feijoo vese obrigado cada vez con máis frecuencia a poñerse á defensiva e a asegurar o futuro dos encargos. Este xoves na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta recoñeceu  que ainda que PMI "ten eses contratos asinados", unha "cuestión distinta é se PEP asina ou non asina un contarto con PMI", pois "son relacións internas dentro do grupo que non afectan ás relacións entre PMI e o estaleiro público de Ferrol e o privado de Vigo".

Tal e como revelou Praza non foi PMI Internacional a que asinou os contratos cos estaleiros galegos, como se dixera nun principio, senón PMI Norteamérica SA (PMI NASA), que acordou manter en "estrita confidencialidade" os acordos con Barreras e Navantia para así "non poñer en risco a estratexia" que a devandita filial ten "para participar no proceso que leva a cabo Pemex Exploración" e poder así asegurarse a súa contratración no concurso que se levará a cabo nos vindeiros meses.

Se a oferta conxunta de PMI NASA e os estaleiros galegos non gaña o concurso sería a propia filial a que tería capacidade por si mesma para construír os barcos e logo ofrecelos no mercado internacional

A filial de Pemex está convencida de que a oferta conxunta cos estaleiros galegos sería a máis rendible para a petroleira e que reuniría as mellores condicións económicas e tecnolóxicas. A pregunta é que ocorrerá no caso de que a oferta conxunta de PMI NASA e os estaleiros galegos non gañe o concurso. Nese caso, e segundo aclarou Pemex en varias ocasións, sería a propia filial a que tería capacidade por si mesma para construír os barcos e logo ofrecelos no mercado internacional.

Mobilización dos traballadores do sector naval CC-BY-SA COO Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.